O legado inmenso do pequeno Leo para axudar a combater as enfermidades raras

Rosa Estévez
rosa estévez MEIS / LA VOZ

MEIS

Martina Miser

O 1 de outubro celebrarase unha carreira-andaia solidaria organizada pola a familia do bebé de Mosteiro para homenaxealo e «devolver» o apoio recibido

05 oct 2025 . Actualizado á 18:14 h.

Ao pequeno Leo o seu corpo non lle deixaba respirar. Nacera cunha mutación xenética clasificada entre todas esas «enfermidades raras» que, só en Galicia, afectan a 200.000 persoas. Desde que foi diagnosticado, a súa familia loitou contra vento e marea para intentar salvar a súa vida: deixándoo todo atrás, instaláronse en Barcelona, por se chegaba o milagre dun transplante de pulmóns. E aínda que o transplante chegou, o pequeno non logrou saír adiante: faleceu en novembro do ano pasado.

A súa vida foi curta, pero a súa morte non foi en balde. O seu pai lembraba este venres, en Meis, como naqueles momentos escuros a familia puido aferrarse á luz e á calor que lle deron os seus veciños e veciñas, á familia que lles deu acubillo en Cataluña, á empatía dos sanitarios, á xenerosidade infinita doutra familia que, tamén no momento máis duro da súa vida, decidiu doar os pulmóns dun ser querido para dar unha oportunidade a Leo... Agora, son Toño e Ana quen quere «devolver» todas esas mostras de amor e solidariedade. Ese é o obxectivo da carreira-andaina que o día 1 de outubro celebrarase en Mosteiro, en Meis para recadar fondos para a Federación Gallega de Enfermedades Raras y Crónicas (Fegerec).

A intervención do pai do pequeno Leo durante a presentación deste evento fixo que moitos ollos enchésense de bágoas. A súa voz, atada por momentos por un nó de emoción, debullaba as súas intencións: «Facemos isto para devolver, axudar e homenaxear». Devolver o apoio recibido, axudar «a todos vos Leos» que o precisen e ás súas familias, e homenaxear «a un ser de luz que veu ao mundo para facelo mellor».

O seu empeño e a xustiza da súa causa lograron mobilizar de novo a administracións de distintas cores, igual que hai uns meses conseguiu «poñer de acordo a todos os partidos» para sacar adiante unha proposición non de lei para dar amparo ás familias que deben desprazarse lonxe do seu fogar por problemas médicos.

Na presentación da carreira e da andaina solidarias do 1 de outubro estivo o Concello de Meis —coa alcaldesa á cabeza—, pero tamén a Deputación de Pontevedra —representada por Marta Fernández Tapias e Javier Tourís— e a Xunta a través do seu delegado provincial, Agustín Reguera. Todas esas figuras políticas quixeron recoñecer o valor universal da iniciativa despregada pola familia de Leo e pola asociación cultural A Baralla.

«Leo foi o neno de todo Meis», dixo a alcaldesa Marta Giráldez durante o acto de presentación dunha proba deportiva na que o deporte, así o recoñeceu Terio Carrera, é o menos importante. «Isto ten que ver, sobre todo, coa vida», dixo o xornalista que, exercendo como mestre de cerimonias, pediu o apoio «de todos e todas» para recadar fondos que permitan seguir coa investigación e a axuda a esa «inmensa minoría» de persoas que sofren enfermidades raras. Delas sabe moito Carmen López, a presidenta da Fegerec, que agradeceu a inmensa xenerosidade da familia de Leo, que converteu o seu duelo nunha fonte de luz e esperanza.

O 1 de outubro todo o mundo poderá achegar o seu granito de area para todos os Leos que seguen necesitando axuda. Haberá unha carreira absoluta de cinco quilómetros, un percorrido «atractivo, urbano» e non tan empinado como podería agardarse en Meis, segundo explicou o atleta Víctor Riobó, que tamén se embarcou na organización do evento. Ademais, haberá distintos percorridos para que poidan correr os máis pequenos e unha andaina de 6,5 quilómetros para non deixar a ninguén atrás. A inscrición para todas estas probas debe realizarse a través da web carreirasgalegas.com.

A proba 

Aínda que o obxectivo principal da carreira-andaina en memoria de Leo está claro, e ten moito máis que ver co humano que co estritamente deportivo, «a proba estará baixo o control do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo e contará coa colaboración do Concello de Meis e outras entidades». Na súa intervención durante a presentación, o pai de Leo agradeceu a axuda das Administracións públicas, pero tamén da comunidade de montes de Santo Tomé, de Protección Civil e dos clubs deportivos da localidade.

Todo o mundo, non hai límite de idade. Organizáronse varias categorías. A carreira 5K, carreiras menores e, finalmente, as das categorías chupete e pitufo. Ademais, para quen non poidan ou queiran correr, organizouse tamén unha andaina.

Pouco despois da presentación desta iniciativa, en Carreiras Galegas producíronse xa case un centenar de inscricións. Apuntarse para a carreira absoluta costa 6 euros, para a andaina 5. «Temos un mes por diante, faládelle disto a todo o mundo», instaba onte Terio Carrera. O obxectivo da organización é reunir, como mínimo, a mil persoas.