O Concello de Meaño comeza as obras da pista deportiva de Dena

La Voz MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

MARTINA MISER

A actuación significará a construción dunha cuberta e a actualización das instalacións

13 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Concello de Meaño iniciou as obras de mellora da pista deportiva de Dena, que inclúen a construción dunha cuberta, o peche perimetral das instalacións, e a construción doutras pistas que se engadirán á xa existente.

A pista de Dena atópase situada nas inmediacións da piscina municipal, preto tamén de varios centros educativos: a Escola Infantil, o colexio de Infantil e Primaria Coirón e o IES de Meaño.

Actualmente estas instalacións carecen de cuberta, o que deixa á intemperie aos seus usuarios en caso de choiva ou vento. Ademais, os operarios traballarán tamén no levantamento de dúas novas pistas deportivas, unha de pádel e outra de fútbol indoor. Tamén se engadirá ás instalacións un parque infantil, pensada para os usuarios máis pequenos. Para rematar, o proxecto posto en marcha polo Concello de Meaño pretende dar a este edificio unha imaxe renovada e actualizada.

Destinouse para iso unha partida de 670.000 euros, financiados entre fondos propios e da Deputación de Pontevedra. «O proxecto xurde para dar resposta ás necesidades deportivas, de ocio e de parques infantís nunhas instalacións cubertas que permitirán practicar deporte e ocio en calquera época do ano», apuntan desde o goberno local, encabezado polo popular Carlos Viéitez.