O Asmubal supera ao Leganés e proclámase campión do seu grupo da División de Honra Prata (39-29)

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

Tempada histórica para o conxunto de Meaño

06 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Festa ao grande no pavillón de Coirón, en Meaño, coa vitoria do Inelsa Asmubal no encontro que lle mediu ao Leganés para pechar o campionato ligueiro da División de Honra Prata. Un encontro que as meañesas pecharon con vitoria, cunha clara vitoria, que lles dá a primeira posición do seu grupo.

Tras uns primeiros minutos de tenteo, o encontro discorreu polas canles agardadas. Aos poucos, o conxunto local foi collendo distancia no electrónico e ao descanso o partido xa parecía sentenciado tanto polo resultado (nove goles de renda a favor do conxunto de Meaño) como polas sensacións, coas locais dominado o encontro por completo.

Non cambiaron tórnalas na segunda metade, para solaz da parroquia local, que acudiu nun gran número ao pavillón de Coirón. A renda non fixo outra cousa que aumentar nos trinta minutos finais, que se converteron nunha feliz conta atrás para festexar o histórico campionato.

A primeira posición do seu grupo non supón o ascenso automático de categoría, porque o Inelsa Asmubal deberá afrontar agora unhas eliminatorias complicadas ante os rivais dos outros tres grupos da competición que tamén conseguiron a súa clasificación, pero iso tocará pensalo a partir de mañá, tras a celebración dunha tempada que, suceda o que suceda, xa pasou ao grande á historia do club de Meaño.

Asmubal Meaño: Nadia Vázquez, Raquel Sineiro (7), Danilza Liranzo (3), Sofía Arangio (2), Sabela Miniño (5), Carolina Ferreira (9), María Currás, Uxía varela, Guadalupe Larralde, Agustina Ballada (1), Laura Miniño (8), Luna Otero (2), Vanesa Domínguez e Shaila Fernández (2).

Leganés: Alba García, Paula Xerez, Irene Torres (1), Sara Pérez (1), Andrea Díaz (4), Sara Correa (12), Carla Pascual, Paula Cabrera, Oana Isabella (4), Mariona Prat (1), Noelia García (6) e Silvia López.

PARCIAIS CADA CINCO MINUTOS: 3-2, 7-4, 11-7, 14-8, 17-10 e 20-11 (descanso). 23-12, 26-15, 29-16, 32-18, 36-23 e 39-29 (final)

ÁRBITROS: César Díaz e Carlos Alonso. Excluíron dous minutos a María Currás, Luna Otero e Vanesa Domínguez nas locais e a Sara Pérez e Mariona Prat no conxunto visitante.