Roubo, sabotaxe ou só ganas de facer dano?: Levan 400 metros de cable da iluminación pública de Catoira
CATOIRA
Dous furtos sucesivos xeraron ao consistorio unhas perdas de 6.000 euros
10 oct 2025 . Actualizado á 20:25 h.Un simple roubo, ou sabotaxe? O Concello de Catoira non ten claro cales son as razóns que están tras os dous roubos de cableado que se sufriron na localidade nas dúas últimas semanas. Segundo explicou onte o alcalde desta localidade, Xoán Castaño (BNG), os ladróns leváronse uns catrocentos metros de cable, que afectaron a iluminación público e ocasionaron perdas que poden superar os 6.000 euros entre o material subtraído e os danos causados.
O primeiro dos roubos denunciados produciuse hai uns días no lugar de Cruceiro de Arón, «onde os cacos retiraron 200 metros de cable das tubaxes do alumeado público». Inicialmente, o goberno local non quixo dar publicidade ao asunto e simplemente «advertiron á veciñanza dunha avaría, dando orde de solucionar a falta de subministro de maneira inmediata». Pero a noite do xoves ao venres a situación repetiuse, nesta ocasión en Freixeiro, «e ante a reincidencia en tan breve espazo de tempo, o goberno local decidiu interpoñer denuncia na Garda Civil». Os cacos leváranse, de novo, outros douscentos metros de cableado, provocando apagamentos na rede pública. «Non só se trata dos cartos que o Concello ten que pagar por substituír o cable, senón tamén os danos causados, os problemas nas instalacións e o tempo de reparar as avarías por parte do persoal do Concello. É unha situación que resulta preocupante se continúa a producirse», destaca Castaño. Non descarta ningunha hipótese sobre o porqué destes roubos: desde a venda do material, ata a sabotaxe, pasando polo simple querer «facer dano».
Ademais de denunciar o ocorrido ante a Garda Civil, o alcalde pediu á cidadanía que «se ven calquera movemento sospeitoso ou actuación no alumeado que non sexa por parte do persoal do Concello, que avisen». De momento, o rexedor non quere falar de «sensación de inseguridade» na localidade, pero admite que se están producindo outros furtos a particulares e algúns roubos en locais públicos como o centro social de Abalo, onde os ladróns esnaquizaron unhas portas novas.