O Sergas asegura que cumpriu co servizo asistencial de atención primaria en Catoira

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Martina Miser

De acordo cos datos recompilados polo Servizo Galego de Saúde, entre o 18 e o 22 de agosto o centro rexistrou un total de 417 consultas

27 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés reforzou a asistencia no centro de saúde de Catoira durante a semana do 18 ao 22 de agosto, datas nas que coincidiron as baixas das dúas médicas de familia que exercen no municipio. A cobertura garantiuse mediante prolongacións de xornada, un mecanismo que se aplica na actualidade ante a falta de facultativos dispoñibles para realizar substitucións ordinarias. Así o afirma o Sergas nun comunicado de prensa feito público onte.

De acordo cos datos recompilados polo Servizo Galego de Saúde, neses cinco días o centro rexistrou un total de 417 consultas. Delas, 264 corresponderon a atención médica de familia, unha cifra superior á do mesmo período do pasado ano 2024, cando o centro dispuña dun único facultativo e atendéronse 226 consultas nese servizo.

O balance inclúe tamén a actividade de enfermería, que desempeñou un papel crave para soster a asistencia neses días de verán. Entre o luns 18 e o venres 22 de agosto levaron a cabo 153 atencións, oito delas nos domicilios dos pacientes. Estas actuacións, xunto coas consultas médicas, permitiron manter o funcionamento ordinario da atención primaria na localidade, asegura a Xunta.

O pediatra

En paralelo, durante o período de vacacións do pediatra titular, a xerencia da área sanitaria xestionou a súa substitución, de maneira que a poboación infantil de Catoira continuou contando con atención específica. Esta medida evitou interrupcións na asistencia aos nenos e nenas do municipio, que puideron acceder a consultas no seu centro de referencia, afirma o Sergas. Os rexistros oficiais reflicten que, durante esa semana, o centro de saúde de Catoira ofreceu unha media de máis de oitenta atencións diarias, combinando consultas médicas, de enfermería e pediatría.