Achan sen vida ao mozo de 14 anos afundido na lagoa de Pedras Miúdas de Catoira

La Voz CATOIRA

CATOIRA

M. Irago

O rapaz fora á antiga canteira a gozar da tarde co seu irmán e uns amigos. Mergulladores dos GEAS da Garda Civil recuperaron o seu corpo a última hora da tarde

18 jul 2025 . Actualizado á 17:24 h.

A lagoa de Pedras Miúdas, en Catoira, é un lugar impoñente. O lago creouse no oco deixado por unha vella canteira, da que dá fe a impoñente parede de pedra que cingue a lámina de auga por un dos seus lados. Este xoves, ese rotundo muro fixo de caixa de resonancia para os saloucos e as voces desesperadas da familia dun rapaz de 14 anos de idade e natural de Caldas, cuxo corpo foi rescatado ao fío das nove e media da noite do fondo da auga. O neno gozara da tarde xunto ao seu irmán e outros amigos na contorna de Pedras Miúdas, saltando en varias ocasións desde distintos puntos da rotunda parede de pedra á auga. Pero nun deses saltos, algo saíu mal. O seu irmán, pouco maior que el, non tardou en decatarse e lanzarse á auga para axudalo. Outro rapaz fixo o mesmo. Pero nada evitou que o corpo do raparigo afundise en Pedras Miúdas.

Mónica Irago

Púxose en marcha, de inmediato, un amplo dispositivo. Desde Protección Civil de Catoira, ata mergulladores chegados para participar na procura acudiron á angustiosa chamada pedindo axuda para rescatar a este mozo veciño de Caldas. Efectivos dos servizos de emerxencias de localidades limítrofes, bombeiros e Guardia Civil colaboraron nunha tarefa de procura para a que ninguén agardaba un final feliz. "Perdémolo, perdémolo", dicía entre saloucos unha muller inconsolable. Vista a complexidade da zona, solicitouse a presenza dos Grupos Especiais de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil. Para cando estes chegaron, o corpo sen vida do menor xa fora localizado. Foi recuperado pouco despois, no medio dun tenso silencio roto, só, polos queixumes dos familiares.

O operativo, que arrincara ao redor das sete da tarde. E arrincara xa sen esperanzas. Algunhas testemuñas lembraban como o corpo afundira sen que ninguén puidese facer nada para evitalo. O rapaz saltara desde o punto máis baixo da alta parede de pedra. A zona na que desapareceu o seu corpo, segundo indicaron fontes consultadas, ten algo máis de sete metros de profundidade.