Catoira saca a sala de espera do centro médico á rúa para pedir doutores
CATOIRA

A veciñanza de Catoira mantivo onte o hábito que desde hai varias semanas leva a decenas de cidadáns a manifestarse diante do centro de saúde da localidade do Baixo Ulla para esixir unha dotación médica acorde coas necesidades básicas das súa poboación.
Reciclando mércores tras mércores as pancartas cos lemas Catoira quere médico e pediatra e Catoira defende a sanidade pública. Non aos recortes, os manifestantes reiteraron as que xa son reivindicacións cronificadas polo paso do tempo sen a resposta acaída. Queixas como as listas de agarda, a ausencia de substitución das médicas e da pediatra nas súas vacacións ou nas baixas por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Un estado de cousas que, denuncian, satura o centro de saúde de Catoira e obriga os seus paciente a acudir ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Vilagarcía ou ao servizo de urxencias do Hospital do Salnés.
Neste punto, os manifestantes volveron reclamar onte na súa concentración semanal unha consulta pediátrica diaria, as substitucións dos facultativos a tempo completo, ou o regreso da ambulancia medicalizada da comarca desde Sanxenxo, a onde foi trasladada un verán máis como vén facendo o Sergas desde o ano 2019 desde a súa base o resto do ano no Hospital do Salnés.
Logo de ler unha declaración nesta liña, os manifestantes camiñaron polas beirarrúas da estrada principal de Catoira amosando as súas reivindicacións nas pancartas. Protección Civil de Catoira pechou o vial que pasa por diante do centro médico durante tres cuartos de hora, de 11.30 a 12.15, pola mobilización, que terá continuidade o vindeiro mércores.