Un acordo entre o Concello de Catoira e STAC permitirá converter un vertedoiro nun parque xunto ao Ulla

Rosa Estévez
rosa estévez CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Concello de Catoira

A empresa financiará os traballos e a cambio verá saneada a zona que linda coas súas futuras instalacións na vella Cedonosa

17 novs 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Aos poucos, a empresa STAC vai apropiándose da parcela da vella Cedonosa, en Catoira. A estrutura da nova nave vai tomando forma, substituíndo ás vellas e arruinadas construcións que alí había. En pleno proceso de renovación, a firma chegou a un acordo co Concello de Catoira que permitirá seguir mellorando esa contorna da localidade. Nun espazo situado xunto ao Ulla, «con vistas ao mar e aos muiños do cura», vaise realizar un proxecto de restauración ambiental que derivará na creación de «un área recreativa pública, con xardíns e equipamento». Así o explica o Concello, que esta mesma semana mantivo unha reunión coa dirección da empresa.

En total, a superficie afectada por esta actuación supera os seis mil metros cadrados. Deles, máis de mil «corresponden a zona de arrastre de material», e algo máis de dous miles son unha zona que se procederá a nivelar. Os traballos financiaranse a través dunha doazón da empresa ao Concello, mentres que a Administración local «se compromete a realizar todos os trámites administrativos necesarios, ademais da execución do proxecto». O resultado, sinala o equipo que encabeza o nacionalista Xoán Castañou, «será a recuperación para o aproveitamento e uso público da veciñanza dunha zona actualmente moi degradada».

A empresa tamén sae gañando con este pacto: os terreos que lindan cos seus están en moi mal estado, é unha «zona fonda, con risco de convertese nunha escombreira». É titularidade de Costas, e a empresa «non pode actuar directamente sobre os terreos, aínda que se compromete a redactar o proxecto e a financiar a actuación». Comeza aí a parte do Concello, que xa solicitou á Dirección Xeral de Costas a concesión da autorización, á vez que resolverá todos os trámites burocráticos necesarios e executará os traballos. «Na colaboración saímos todos gañando, a empresa porque terá a súa contorna saneada, e as veciñas e veciños porque recuperamos como área de desfrute uns terreos que están nunha contorna privilexiada», sinala Castaño.