
Servirán para apoiar as familias cos costes derivados do transporte e a adquisición de material escolar
18 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Liso González, concelleiro de Educación de Cambados, anunciou no día de onte a publicación e aprobación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra das bolsas de axuda ao ensino do Concello albariño, o que significa que os cambadeses poderán presentar as súas solicitudes para esta beca a partir de hoxe e ata o día 30 deste mes.
González aproveitou estas declaracións para lamentar a confusión causada por «uns rumores» que fixeron pensar a algunhas persoas que o prazo xa se atopaba aberto. Estas persoas intentaron presentar no consistorio as súas solicitudes antes de tempo, dando lugar a malentendidos entre os interesados e os traballadores municipais.
Se ben o documento oficial para a convocatoria das axudas e que contiña as bases para a súa solicitude foi publicado o pasado 12 de setembro, a convocatoria en si non abriu ata hoxe.
Estas axudas ao ensino están pensadas para apoiar ás familias cambadesas nos custos do material e do transporte escolar. Poden optar a ser beneficiarios estudantes de primaria, secundaria, bacharelato, FP, universidades e centros de educación especial, sempre e cando estean matriculados en centros galegos e censados en Cambados. Isto inclúe a alumnos maiores de idade, polo menos ata os 25 anos, e sempre que sexan dependentes economicamente dos seus proxenitores.
A cantidade concedida calcularase en función das bases da convocatoria, atendendo a criterios económicos. O orzamento total destas axudas ascende aos 27.000 euros.