Emerxencias Cambados envía medios para colaborar coa extinción dos incendios na provincia de Ourense

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

CEDIDA

O Concello respondeu a unha proposta da Asociación Provincial de Protección Civil e á petición dalgúns concellos

17 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O venres pola tarde, un coche de salvamento e rescate de Emerxencias Cambados, con dous efectivos a bordo, saíu da vila do Albariño rumbo a Ourense. Este sábado á primeira hora outro vehículo, neste caso un camión motobomba, realizou o mesmo camiño. Eses son os efectivos que o municipio arousán decidiu desprazar a unha provincia envolta en chamas, respondendo desa forma a unha iniciativa da Asociación Provincial de Protección Civil e por petición de varios alcaldes.

O alcalde de Cambados, Samuel Lago (PSOE), explica que cando recibiron a proposta, tardouse bastante en tomar unha decisión. «A verdade é que dubidamos un pouquiño, porque na nosa bisbarra hai moi poucos medios e antes de desprazar o pouco que hai a outros lados tivemos que valoralo moito, non se trata de desvestir a un santo para vestir outro», explicou o rexedor socialista.

En calquera caso, botando contas, chegouse á conclusión de que se podía facer un esforzo. Os vehículos e o persoal destacado en Ourense traballaba este sábado na zona de Vilariño de Couso, uns dando apoio á poboación civil que está atrapada nese inferno, outros loitando directamente contra o lume. En ambos os casos, seguen as ordes do posto de mando avanzado que opera na zona.

«Dá medo como están as cousas por alí», explicaba onte o alcalde de Cambados, que instou o persoal desprazado a que extremase as precaucións. Os cambadeses non son os únicos representantes dos servizos de emerxencias arousáns nese dramático escenario. Os bombeiros do consorcio tamén están a ser desprazados ata eses puntos do interior de Galicia.