A Calzada acollerá unha feira de vida sa a fin de semana que vén

maría santamaría / R. E. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARIA_SANTAMARIA_SERANTES

Naturcambados será a primeira feira de produtos de proximidade e consumo responsable de Cambados

04 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Baixo o nome de Naturcambados, o Paseo da Calzada recibirá o 11, 12 e 13 de xullo a primeira feira de produtos de proximidade, vida san e consumo responsable.

O mercado contará con ata trinta postos que abren dende as once da mañá ata as dez da noite. E neles poderán encontrarse produtos de marcas como Alicia’s Cake, Abella Menciñeira ou Algas La Patrona. Tamén se poderán comprar outros artigos que fomentan un estilo de vida sostible como produtos ecolóxicos de limpeza no fogar, cosméticos creados a partir de algas das Illas Atlánticas ou complementos creados a man como é o caso e Miña Terra.

Como a representante de En Feminino Producións, Olga Milla, comentaba, a idea central de Naturcambados é a calma, por iso a feira non só ofrece artigos, se non que tamén experiencias.

Durante a fin de semana terá lugar unha meditación guiada con viaxe de son, a cargo de Rafael Tubío ás tres e media. Acontece o mesmo caso cun espectáculo de alimentación e cociña biosaudable da man do cociñeiro de Distribucións Mar González, que o venres 11 tan só se poderá gozar pola tarde, pero que o sábado e domingo tamén se realizará ás mañás.

A maiores ofrécense dúas charlas o venres, unha de tarxetas cuánticas ás cinco da tarde e outra baixo o título de Escola Saudable: máis saúde, menos pantallas. A tarde do sábado 12 estará amenizada por unha charla de residuos ofrecida por Limparousa e unha sobre reflexoloxía.

O domingo 13 destaca na programación unha clase de ioga en directo ás cinco da tarde. Para esta pídese á cidadanía que traia a súa propia esteira e, aínda que as actividades non necesitan inscrición previa, si se debería de acudir con algo de antelación.

Na presentación do evento, o alcalde, Samuel Lago, recordaba que «Cambados quere ser un referente no medio ambiente e concienciar sobre modos de consumo responsables e comprometidos».