
Un roteiro entre viñedos pola mañá dará paso á tarde ao Gran Premio do Albariño, a proba decana de Galicia
03 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O concello de Cambados encheráse este sábado de bicicletas durante todo o día da man do Club Ciclista Cultural Cambados. Pola mañá, cun novidoso Roteiro Entre Viñedos. Pola tarde, coa celebración da quincuaxésimo quinta edición do Gran Premio do Albariño, a proba decana do ciclismo galego e unha das máis antigas de España.
Ás once da mañá, con saída na escalinata de San Tomé, arrincará a ruta cicloturista coa que o C.C.C. Cambados anima a todo o mundo —é de carácter non competitiva— a gozar das paraxes da vila do albariño. Cunha distancia de 25 quilómetros, o seu trazado inclúe o paso polo interior dalgunhas adegas da zona e contará con dous espazos de avituallamento. A súa dificultade técnica e física, explican no club organizador, é baixa, sendo recomendable o uso de bicicleta de btt —montaña—, inda que non é imprescindible este modelo. O uso do casco é obrigatorio e a proba contará con seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil. Participar é de balde, se ben hai que inscribirse previamente a través dunha ligazón que ofrece o club nas súas redes sociais.
Pola tarde, desde as seis, será a quenda do Gran Premio do Albariño-Memorial Ernesto Falcón. Unha proba presentada onte no salón nobre da casa consistorial de Cambados con presenza do alcalde, Samuel Lago, da concelleira de Deportes, Noelia Gómez, do directiva da Federación Galega de Ciclismo Óscar Sánchez e do presidente do Club Ciclista Cultural Cambados, Tito Fariña.
Haberá xincanas para as categorías máis baixas, a alevín, a infantil, a principiante e a promesas, coas carreiras polo tradicional circuíto por beiramar reservadas para os cadetes e para os xuvenís. Desde a Federación sinalaban que a falta de medio día para o peche da inscrición case se completaran as 200 prazas dispoñibles, con 180 anotados xa. Tito Fariña, pola súa banda, salientou o desexo de facer do Gran Premio do Albariño un recordo aos seus promotores: Teto, Ernesto Falcón e Palermo.