A Illa acollerá unha serie de talleres para pais e nais enfocados na crianza de fillos de tódalas idades
A ILLA DE AROUSA

O ciclo «Escola de familias» celebrará cursos os días 23, 29 e 30 de setembro
19 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Conscientes das dificultades e dos obstáculos que implica a crianza dos fillos, o Concello da Illa de Arousa presenta «Escola de familias», un conxunto de tres talleres impartidos por Anacos educativos, e que servirán para reflexionar e aprender sobre a educación dos fillos en diferentes etapas da súa vida. Tódalas citas terán lugar nas casas modernistas, no primeiro andar.
O primeiro deles estará enfocado nos máis cativos, dirixido a familias con nenos de non máis de 6 anos. En RE-iniciando os pais e nais reflexionarán, o 23 de setembro, sobre o seu papel como proxenitores, sen deixar de lado o resto de facetas das súas vidas, xa non so por obriga, senón por seren características que os identifican como individuos. O taller xira en torno a unha idea central: «Reiniciar si, pero seguir sendo nós».
O luns 29 de setembro estará dedicado á seguinte etapa da infancia. Pais e nais de nenos entre 6 e 12 anos poderán aprender en RE-pensando técnicas coas que afrontar mellor as novas inquietudes e condicións que xorden nunha fase na que os rapaces mudan moito máis rápido. Tratarase de responder a preguntas sobre como adaptar o aprendido na crianza do período anterior a unha nova fase moi diferente.
O día seguinte celebrarase a derradeira cita e quizais a máis desafiante. Desafiante como adoita ser a adolescencia, tanto para os que a viven como para os seus proxenitores. En RE-construíndo abordarase como navegar as disonancias dunha fase na que as hormonas fan das súas e os rapaces piden e necesitan máis liberdade, a pesar de manter aínda moitas das inseguridades propias dun cativo. Como confiar e como deixar ser, aprendendo tamén como e onde poñer os tan necesarios límites.
Manuel Suárez, tenente de alcalde, reflexionou sobre unha iniciativa que nace buscando ser un espazo de apoio a pais e nais na difícil tarefa de criar e ensinar: «Dende o goberno local impulsamos este proxecto, co obxectivo de crear un espazo de encontro, apoio e aprendizaxe, onde poidamos compartir estratexias e recursos para acompañar aos nosos nenos e nenas do xeito máis consciente e positivo posible nas distintas etapas do seu crecemento».
Concluíu que se trata de «un investimento en benestar para as nosas familias e, polo tanto, para o futuro da Arousa».