Javi Vidal, o adeus dun gran capitán ao Céltiga da súa vida: «Foi unha decisión moi difícil»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

CEDIDA

O xogador da Illa colga as botas con 32 anos cunha chea de nomes que recordar

29 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Teño unha filla, e outra en camiño. Tocaba xa». Javier Vidal Suárez (A Illa de Arousa, 26 de outubro de 1992) vén de pasar a ser historia viva do Céltiga F.C. O que foi o gran capitán do club arousán ao longo da última década colga as botas. Inda lle restan uns meses para cumprir os 33, o que nos tempos que hoxe corren é sinónimo de atoparse en plena segunda mocidade deportiva, coa normalización das traxectorias despedidas ao bordo dos corenta. Pero hai cousas moito máis importantes na vida dun futbolista de corazón, que non de oficio nin beneficio, que xogar ao fútbol. Con todo, «foi unha decisión moi difícil», confesa, ata o punto de que tan só a súa muller e un reducidísimo grupo de colegas sabían dela ata que na noite do 15 ao 16 de xuño, durante a celebración do ascenso conquistado no definitivo duelo co Atios sobre o céspede do seu Salvador Otero, Javi Vidal informou os seus compañeiros e integrantes do corpo técnico. «Non o crían», di. Abofé máis dun seguirá sen querer crelo.

Porque con homes de vestiario coma o capitán do Céltiga custa asumir que algún día acaben voando; sobre todo cando sucede máis cedo ca tarde. No caso que nos ocupa, a situación familiar levou a Javi Vidal a fixar a súa data de caducidade vestido de curto a finais da tempada que acaba de rematar. Unha decisión que coincidiu cunha escordadura dun nocello e dun xeonllo. «Botei todo o mes da fase de ascenso sen poder competir, e por sorte puiden xogar o derradeiro partido. Seguía tocado, pero forcei para xogar», sen que nin o seu adestrador, Luis Carro, soubera de estar ante o derradeiro baile no campo de Javi Vidal, desvela este. Hoxe, continúa tocado das articulacións, pero é unha peaxe que paga gustoso por poder atesourar o mellor momento da súa carreira deportiva. «Vivín tres ascensos á Terceira co Céltiga. Pero o mellor foi este último, sen dúbida. Foi o máis buscado e o máis desexado», relata; «o primeiro ascenso collérame por sorpresa, e no segundo tiñamos un equipazo e dérasenos ben; este último chegou despois de dúas tempadas tentándoo».

Coa única excepción que confirma a regra, vestindo de arlequinado no veciño Arousa no seu último ano de xuvenil, Javi Vidal é o prototipo de home de club: «Xoguei no Céltiga toda a vida, desde os 9 aos 32 anos», recorda. Con 18 debutou no vestiario do primeiro equipo co primeiro dos seus tres ascensos á Tercera, na tempada 2011/12. Os outros dous producíronse nas campañas 2015/16 e 2024/25, «ben repartidos, un para empezar, outro para acabar, e outro polo medio», conta a modo de brincadeira o xa exfutbolista do Céltiga, que recorda o moito que aprendeu de tantos adestradores: «Pichino, durante os meus anos na base do Céltiga, Celso Couso, no meu ano no xuvenil do Arousa, marcoume moito, foi o que fixo que vise que podía ser un futbolista de verdade; Javi Rey e Luis —Carro—».

Fronte ao tópico, á hora de catalogar os malos momentos, hai dous que superan os dous descensos sufridos á Preferente, nas tempadas 2012/13 e 2018/19. Un, a grave lesión que sufriu no curso 2017/18, rompendo un xeonllo. E peor ca ese, indica, «con Javi Rey como adestrador, cando se parou a Liga polo coronavirus, iamos cuartos, moi cerca dos postos de ascenso, e o club fixera un investimento moi forte para volver á Terceira», lembra Javi Vidal.

O mediocentro, que nas tres últimas tempadas soubo reconstruírse coma central para espremer a súa calidade e condicións ao servizo do equipo de autor cociñado polo vilanovés Luis Carro, colga as botas feliz. Pendente de experimentar esa agria sensación de non verse adestrando e xogando a mediados de verán, Javi Vidal sabe que, por riba de todo, cando os recordos deses grandes momentos sobre o céspede vaian esvaecéndose na memoria, o que sempre o acompañará será «a de amigos que me levo». Neste punto, fálanos de, «Beni, o anterior capitán da Illa, que sempre me dicía ‘Ti vas ser o seguinte capitán do Céltiga; as súas palabras sempre me axudaron». De Óscar Iglesias, outro compañeiro e veciño, e que será, di, «o encargado de quedar co brazalete». De Manu Bugallo e de Lezcano, cos que levo os últimos cinco ou seis anos». Pero sobre todo, de «Carlos Gómez, un compañeiro e un amigo de toda a vida, coma un irmán para min. Foi un orgullo poder volver xogar xunto a el na miña derradeira tempada e velo quedar no Céltiga». Un club, o seu club, do que espera «lle vaian as cousas ben. Co ascenso e co centenario, vexo que vai ser un ano moi bonito» augura na súa despedida Javi Vidal.