O BNG da Illa fai un bo balance da metade do mandato reprochándolle ao PP que «non estivera á altura»

La Voz A ILLA

A ILLA DE AROUSA

Concelleiros do BNG da Illa durante un pleno
Concelleiros do BNG da Illa durante un pleno MONICA IRAGO

«Non hai nin un só proxecto beneficioso para o pobo que deixase de facerse por negativa ou obstrución do BNG», sinala Manuel Suárez

28 jun 2025 . Actualizado a las 15:31 h.

«A Arousa chega á metade do mandato coas arcas saneadas e con vía libre para novos investimentos». Así encabeza o BNG da Illa de Arousa o balance que ofrece da primeira metade dun mandato no que goberna en colación co PSOE.

O relatorio das xestións realizada ata o de agora é amplo: a construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) ou a mellora da rede de saneamento; apertura dun local para a mocidade e implantación do sistema de apertura electrónica da biblioteca municipal; contratación de máis persoal para obras e servizos; organización dun cento de actividades culturais en colaboración con colectivos, tamén no eido deportivo e social; ampliación nun 40 % as horas que prestamos no Servizo de Axuda ao Fogar e obras de mantemento, transformación e humanización como a executada no Naval.

«Poderiamos debullar polo miúdo moitas actuacións que realizamos a diario e tamén proxectos e ideas nas que traballamos a largo e medio prazo. Con todo, cremos que o máis importante é que o BNG demostrou ambición na defensa dos intereses do concello ante tódalas administracións. Sempre puxemos por diante os intereses e a defensa da Arousa. Non hai nin un só proxecto beneficioso para o pobo que deixase de facerse por negativa ou obstrución do BNG», sinala o voceiro, Manuel Suárez.

Fronte a iso, apunta, a oposición «non estivo á altura». «O Partido Popular da Arousa pasou de estar 25 anos asentindo a todo e aletargado sen facer oposición a practicar neste novo mandato unha oposición destrutiva, carente de ideas e irresponsable. Opuxéronse a todo sen ningún fundamento, cun único obxectivo, desgastar ao goberno, sen importarlles que iso prexudicase aos veciños».

Con este escenario, o BNG fai un chamamento á responsabilidade do grupo popular e anunciando que «comezamos esta segunda parte do mandato con moita ilusión para seguir mellorando a vida dos veciños».