A Illa liquidou o exercicio 2024 cun remanente de tesourería de case un millón de euros

La Voz A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

Manuel Suárez, concelleiro de Facenda
Manuel Suárez, concelleiro de Facenda MARTINA MISER

«O Concello garante a súa saúde financeira e agarda un peche de exercicio económico tranquilo para este ano», di o concelleiro de Facenda, Manuel Suárez

26 jun 2025 . Actualizado a las 09:13 h.

O Concello da Illa de Arousa aprobou onte a liquidación do orzamento de 2024 con 988.721,23 euros de remanentes de tesourería para gastos xerais. Desta maneira, segundo  explica o tenente de alcalde e responsable de contas, o nacionalista Manuel Suárez, «o Concello garante a súa saúde financeira e agarda un peche de exercicio económico tranquilo para este ano, o que permitirá evitar calquera plan de axuste e garantir o pago a provedores en tempo e forma», subliñou o edil.

Esta suma tamén posibilitará a realización de investimentos, pagar parte do convenio con Augas de Galicia para a mellora da rede de saneamento e cubrir outros gastos necesarios para servizos básicos e funcionamento municipal.

Suárez explica que o resultado provén do aforro acumulado e do superávit xerado por unha maior disciplina fiscal durante o último exercicio. Este aumento de ingresos viuse impulsado por un incremento no número de licencias de obra concedidas e das taxas recadadas por este concepto. Suárez lembra que a débeda municipal reduciuse ao 36,88 % e que, con todo isto, o Concello gana liquidez.