
A exposición confórmase por 25 obras elaboradas polo alumnado de cuarto da ESO con fotografías antigas transformadas coa técnica do collage
01 may 2025 . Actualizado á 11:12 h.O auditorio da Illa acolle a exposición Marexadas, formada por 25 obras de alumnos e alumnas de cuarto da ESO do IES da Illa de Arousa como parte do traballo realizado na materia de Expresión Artística deste curso.
Empregando a técnica artística do collage, transformaron fotografías de arquivo da Illa de relacionadas có mar: mariñeiros saíndo a navegar, as xentes da Arousa nos barcos polas festas do Carme, as familias nas praias e costas arousás...
O alumnado conseguiu as imaxes nas casas, entre os seus maiores, e neste sentido queren expresar o agradecemento ás familias de Ainara, Ainhoa, Aroa, Carla, Catuxa, Emma, Enma, Erik, Inés Pérez, Inés Pouso, Noa e Vanessa.
Detrás de Marexadas tamén está o traballo de arquivo que realizou o historiador arousán Xoán Dopico, que prestou a súa axuda para coñecer a orixe dalgunhas das fotografías e ubicalas no espazo e no tempo, enriquecendo o contexto e significado das obras aquí expostas.
«Marexadas é unha mostra do pedaciño da Arousa que leva cada un dos nosos alumnos e alumnas interpretado a través dos seus ollos, que de aquí en adiante cada vez verán máis mundo máis aló da Illa, pero que a levarán sempre consigo aló a onde vaian», segundo consta na presentación da mostra.
Esta exposición inclúese no programa de divulgación da cultura mariñeira que está a desenvolver o alumnado de cuarto da ESO no marco do Plan Proxecta Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, impulsado pola Consellería de Educación.
Un dos eixos da actividade foi a realización dunha enquisa lingüística entre a xente mariñeira da Arousa para coñecer as palabras usadas para designar distintos tipos de embarcacións e aparellos de pesca;outro foi un traballo de campo seguindo as instrucións do Instituto da Lingua Galega.
A segunda acción consistiu en visitar a confraría da Illa de Arousa para coñecer que actividades realiza a entidade, que agrupa 893 socios e socias. O patrón maior faloulles das principais especies que se capturan na Arousa: ameixas, camarón, algas e navallas; da limpeza das praias; das artes de pesca e da comercialización do marisco. A maioría dos estudantes nunca antes visitaran a confraría e mesmo descoñecían da súa existencia.