A inauguraciónd o edificio de usos náuticos salda unha débeda histórica coa Illa

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

A Illa de Arousa

Martina Miser

O novo edificio de usos náuticos, unha construción moderna e fermosa, foi inaugurado onte con música e moita satisfacción

03 dic 2017 . Actualizado ás 14:10 h.

«Non entro na cazadora». Salvador Allo, o presidente de Dorna, botou man desta gráfica expresión para trasladar a emoción e o orgullo que onte sentían tanto el como todos os que durante anos pelexaron por conseguir o edificio de usos náuticos que onte se inaugurou na Illa. O elevado número de veciños que acudiron ao acto oficial daba boa conta da importancia que este logro ten para unha localidade ligada ao mar en todos e cada un dos aspectos do seu día a día: desde o traballo ao lecer; desde a tradición ao deporte. As infames instalacións que ata agora acollían a actividade náutica, lembraban onte os insulars, foran construídas por eles mesmos. «Neste non puxemos nin un bloque», chanceaba Arturo Paz, quen aproveitou a súa quenda de palabra no acto oficial para lembrarlle á Deputación -logo insistiría na idea Allo- que «necesitamos un pavillón de deportes e non o temos».

Carmela Silva recolleu a luva. «Non tedes nada que agradecerlle á Deputación. Facer esta obra era obrigado», dixo. Lembrou que o organismo provincial colaborará agora na restauración das casas modernistas -«¡A ver se é verdade», berraron desde o público- e asegurou que «depois haberá que falar do pavillón, claro que si».

O acto pechouno o alcalde, Carlos Iglesias , quen, como xa fixeran antes outros, lembrou o empeño que Manuel Vázquez, o seu antecesor, puxo neste proxecto.