Será o día 12 de setembro no auditorio
02 sep 2026 . Actualizado á 05:00 h.Vilagarcía volverá demostrar que Xosé Antonio Touriñán ten no público arousán un dos seus grandes aliados. Apenas unha semana despois de anunciarse a estrea de Moi animal no auditorio, a función prevista ás 21.00 está a piques de colgar o cartel de completo, con apenas unha ducia de entradas dispoñibles.
Ante a resposta do público, o humorista galego decidiu facer dobrete e ofrecerá unha segunda representación o mesmo día, 12 de setembro, ás 18:30 horas. As entradas para esta nova función xa están á venda en Ataquilla, con prezos de 18, 20 e 22 euros, máis gastos de xestión.
A chegada de Touriñán a Vilagarcía converteuse xa nunha tradición. As súas anteriores visitas, tanto en solitario como xunto a artistas como Carlos Blanco ou David Perdomo, adoitan traducirse en cheos no Auditorio. Aquí Tou, Amoriños, Somos criminais ou Corentena son algúns dos espectáculos cos que o cómico conseguiu repetir éxito na cidade.
As contradicións dá especie
En Moi animal, Touriñán explora con humor a relación dos seres humanos co resto das especies, desde os animais domésticos ata os lobos, os vexetarianos ou os therians. Unha viaxe polas contradicións dunha especie que presume de ser a máis intelixente do planeta, aínda que, como apunta o artista, «tampouco hai demasiadas probas».