«As compañías de IA están a incrementar ata límites asombrosos os seus ingresos e, polo tanto, a crear ricos individuais»
23 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Unhas veces conseguireino e outras non pero busco escribir esta columna de opinión cuns certos fundamentos, de maneira que o que aquí quede, máis que ter miles de lectores que non é o caso, exprese o que a min me parece o tema de que trate; sen prexuízo, claro está, de que sexa rebatible. Escribo con honestidade e sendo sabedor de que se poderá compartir ou non o que aquí se plasme. E quédame clara a humildade desta columna que, en realidade, debe a súa permanencia á xenerosidade deste xornal.
Hoxe, non vou escribir de algo que saiba. Vouno facer sobre a, para min mal denominada, Intelixencia Artificial, —un oxímoro?— que se transformou dun día para outro nun produto de consumo xeneralizado nos máis diversos quefaceres da xente. Non a utilizo conscientemente. E non sei nada dela, aínda que imaxine, moito por oídas, as súas múltiples, incribles e rapidísimas capacidades de relacionar nocións preexistentes: é algo inhumano e ten o risco de producir un estancamento do coñecemento. E digo isto cunha clara chulería porque matino que esa IA nunca será equiparable á imaxinación da intelixencia natural —que evolucionou durante centos de miles de anos—, nin aos seus múltiples matices, como a retranca ou a creatividade.
Vaiamos por partes. En primeiro lugar hai que sinalar que as compañías de IA están a incrementar ata límites asombrosos os seus ingresos e, polo tanto, a crear ricos individuais —non riqueza colectiva— ou a facer máis poderosos aos plutócratas actuais —convén lembrar que plutócrata é unha persoa que pola súa riqueza ten poder e influencia na vida política e social—. Non parece que esta afirmación poida cuestionarse e, na mentalidade liberal, sería o que procede. En segundo lugar, a IA é un latrocinio que supera todos os límites e un está en que é o máis grande roubo ou apropiación indebida da Historia da Humanidade. Ata agora os roubos tiñan como obxecto, por poñer, forza de traballo, masas forestais, minas, recursos enerxéticos, xoias, cartos, propiedade intelectual; en fin, todo aquilo que se puidese apropiar de balde ou a baixo prezo, canto máis achegado á explotación mellor, e servise para pór no mercado e obter un rendemento. Case todo se podía roubar. Quedaba o mundo dos coñecementos, da cultura, dos saberes acumulados desde que o homo sapiens empezou a transmitilos de xeración en xeración. Todo iso, a propia esencia humana, é o que agora subtrae a IA. Porque, simplificando, a IA é a facultade de acumular e interrelacionar coñecementos previos alleos a unha velocidade incrible. Ten vantaxe para a xente, polo que implica de poder acceder a eles sen maior esforzo, teña ou non capacidade para entendelos. Por poñer, para os científicos, realizar cálculos a velocidade de vertixe tamén é conveniente. Pero, claro, pagando. Entón, a cuestión é: os donos que argallaron os sistemas de IA están a cobrar por coñecementos que non son deles, senón colectivos da Humanidade?
Non vou engadir a dependencia —escravitude?— que se vai articulando arredor do uso da IA, pero quero agregar, seguro que de xeito equivocado, que cabe a posibilidade de que o uso masivo da IA debuxe un futuro de estancamento xeral no avance dos saberes e na súa adquisición. Dígoo por unha razón sinxela: a IA debería denominarse Memoria —non Intelixencia— Artificial porque se nutre de coñecementos previos. É un sistema parasitario. E, por pura lóxica, pode ocorrer que cercee todo aquilo que se derive da creatividade, da imaxinación ou, o que é o mesmo, reduza os coñecementos humanos aos xa existentes, empantanándose neles, impedindo o avance, dificultando a innovación, arruinando calquera afán revolucionario para mellorar nos distintos aspectos da vida; mentres, os donos desas máquinas adestradas cos coñecementos da Humanidade vanse enriquecendo.
As bulsas e as cabezas
Nós enchemos as súas bulsas, a cambio de ir baldeirando as nosas cabezas. O senador americano Bernie Sanders (Nova York, 1941) reclama que os dividendos da industria da IA se depositen nun fondo soberano con accións nas grandes empresas dese sector precisamente porque se nutren dos coñecementos comúns e hai que buscar a maneira de restituílos dalgún xeito á Humanidade. Confío, claro, que a intelixencia natural nos saque deste novo xeito de explotación.