Que a curiosidade non eclipse o sentidiño

s. abalo / r.e. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Chegou o gran día e os diferentes concellos da bisbarra activan plans para evitar que esta xornada de festa cósmica acabe complicándose

12 ago 2026 . Actualizado a las 10:49 h.

Plans de tráfico, transporte público, reparto de gafas... Os concellos de Arousa afrontan, cada un ao seu xeito, a cita coa eclipse de sol que esta tarde conseguirá parar, durante uns instantes, este pequeno mundo noso. Nunha xornada de ceos descubertos, na que as condicións para disfrutar da eclipse parecen óptimas, espérase que centos de persoas busquen lugares dende os que presenciar un acontecemento histórico. En moitos casos, como Meis ou Pontecesures, apúntase cara os miradores, ben do Monte Castrove, ben do Galiñeiro. Nestes casos recoméndase extremar as precaucións tanto ao acceder ao lugar elixido, como á hora de marchar, evitando todo comportamento que poida rematar por causar, por exemplo, un incendio.

vilagarcía

O auditorio natural da praia e o monte blindado. O Concello de Vilagarcía ten organizada para esta tarde una actividade didáctica e lúdica arredor da eclipse. Nela repartiranse as gafas homologadas mercadas polo Concello, dende onde informaban este martes de que hai 300 unidades que inicialmente foran reservadas pero que, finalmente, quedan libres. Esas gafas repartiranse pola tarde durante o acto organizado na praia da Compostela para gozar do espectáculo astronómico «no auditorio natural que forman o areal e o paseo marítimo». Primeiro distribuiranse as reservadas, para o cal deberá presentarse o código QR emitido á hora de solicitalas. E a partir das sete entregaranse as 300 sobrantes ata esgotar existencias. Conscientes de que haberá moita xente que se achegue ao monte Xiabre para presenciar este espectáculo, o Concello ten deseñado tamén un plan de tráfico de tal xeito que a estrada principal de acceso ao monte funcione cun único sentido, coa entrada pola zona norte do municipio e saída polo Pousadoiro.

A illa

Transporte cara los puntos de observación. Na Illa, o Concello tamén decidiu activar un plan especial para garantir a seguridade nas zonas ás que está previsto que acudan grandes cantidades de persoas para ver o eclipse. Así, a partir das cinco e media da tarde quedará pechado o acceso rodado á praia da Área da Secada e do Faro, a fin de evitar a saturación destas zonas. Ademais, para facilitar os desprazamentos haberá transporte público gratuíto con saída desde O Cantiño e o Concello, con destino a ambos puntos. Ademais, o Concello da Illa recomenda non utilizar o vehículo privado para acceder a estas zonas e piden aos asistentes que respecten as indicacións dos servizos de seguridade e do dispositivo especial. A colaboración, aseguran, é clave para o bo desenvolvemento da xornada e convidan a gozar do fenómeno histórico.

vilanova

Cita no alto de Lobeira. En Vilanova, o Concello fixou no alto de Lobeira o punto recomendado para a contemplación do espectáculo solar. A actividade desenvolverase en colaboración coa Deputación de Pontevedra, que facilitou 500 pares de gafas homologadas para a observación segura deste fenómeno. A entrega das lentes comezará sobre ás 19:00 horas e realizarase por rigorosa orde de chegada e ata fin de existencias. «O Monte Lobeira é un miradoiro natural, alto e claro, para poder ver aquí a eclipse solar», explicaba o alcalde Gonzalo Durán. No caso de que se produza unha elevada afluencia de público no Monte Lobeira, tamén se poderá acudir ao mirador de Faro das Lúas para observar o fenómeno astronómico, aínda que os lentes so se repartirán en Lobeira. Ademais, establecerase un dispositivo policial nos arredores para garantir a seguridade e facilitar a organización dos visitantes. Dende o Concello recoméndase seguir en todo momento as indicacións dos expertos e, especialmente, non mirar directamente ao sol durante a eclipse sen utilizar gafas específicas e homologadas, xa que facelo sen a protección adecuada pode provocar danos graves na vista.

o grove

Dende o Con da Hedra ata o medio da ría. O Concello do Grove elixiu o mirador do Con da Hedra como suxerencia para gozar da eclipse. Pero na vila hai outras localizacións que parecen ter chamado a atención da xente, e nas redes sociais organizábanse quedadas para subir a pé ata o cumio do Siradella. As empresas de barcos de recreo tamén teñen lanzado as súas ofertas especiais. Cruceiros do Ulla, por exemplo, ofrece unha experiencia dende o medio do mar: gafas, explicacións dunha experta, e un menú degustación a base de mexillóns, empanada, arroz, así como un brinde con espumoso, dan forma a un evento no que haberá tamén música. Cruceiros Pelegrín, pola súa banda, organiza tamén unha cea dende o mar.