Hoxe mesmo a ONU celebra o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, un mundo no que a ausencia do galego é clamorosa
17 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe, como cada 17 de maio, celébranse o Día das Letras Galegas e tamén o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. En artigos anteriores mostrei, seguindo o maxisterio de Xosé González Martínez -Medalla Castelao, Premio da Cultura Galega e moitos máis etcétera- a miña discrepancia coa usurpación do 17 de maio pola literatura. A idea desta conmemoración —orixinal de Francisco Fernández Del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo—, era a de honrar os libros en idioma galego para «recoller o latexo material da actividade inteleitual galega».
Con toda evidencia non parece posible entender que a palabra «libros» ou o sintagma «actividade inteleitual» se referisen só a literatura, no sentido de obras novelescas ou poéticas. Como é lóxico hai libros, en papel e hoxe tamén dixitais, sobre todas as ciencias, e todos os coñecementos poden ser expresados no noso idioma. Pero a Real Academia Galega limita a celebración do 17 de maio a honrar un literato. Non se entende que queden fóra da homenaxe deste día as obras que se poidan producir en galego que non sexan literarias. Excluír calquera creación científica é un erro absoluto. Libros e autores en galego de Medicina, Química, Historia, Informática, Matemáticas, Economía, Dereito, Lingüística ou calquera outro ámbito do saber, deberían poder ser loados o 17 de maio. Non é razoable seguirmos así.
Hai poucos días publicouse que Google Ads en España só permite facer campañas publicitarias en catalán e castelán. Unha aldraxe que debería rebelarnos. E hoxe mesmo a ONU celebra o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, un mundo no que a ausencia do galego é clamorosa. Cabe pensar que a ausencia dun idioma nos sistemas dixitais supón unha ferida necesariamente mortal tal como vai indo o mundo. Resulta, ademais, moi difícil entendela cando os avances actuais permiten unha tradución instantánea dun idioma a outro. Por iso, no fondo, o 17 de maio, Día das Letras Galegas —non Día da Lingua Galega— representa unha dobre exclusión. Por unha banda, a propia Real Academia Galega, que tamén debe velar pola linguaxe científica, arrinca desa celebración calquera escrita no noso idioma que non sexa literaria. Iso convértese nunha grandísima rémora.
A RAG aínda está a tempo de cambiar, modificando os seus Estatutos. Por outra banda, os sistemas dixitais avanzan imparables globalmente cada día deste século XXI coa ausencia do galego. Seguramente non será doado incorporarse, pero a Administración Pública, autonómica e estatal, ten recursos e medios suficientes para garantir o uso normalizado do galego.
En realidade, só hai que ter vontade de que sobrevivamos como pobo. Xa o dixo Castelao hai moitos anos: se aínda somos galegos é grazas ao idioma. E como quería Álvaro Cunqueiro, desexamos sobrevivir así mil primaveras máis.