De querer ser vago

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Imaxen de traballadores saíndo dunha factoría
Imaxen de traballadores saíndo dunha factoría M.MORALEJO

En canto ao traballo, hai dous enfoques: o latino, como castigo e o anglosaxón, como virtude

21 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que remata 2025 convén, ou non, botar unha ollada ao ano; e, simplificando, pódese diferenciar entre a vida persoal e o traballo de cadaquén. No íntimo contarase de todo, polos procesos vitais que unhas veces lle tocan a uns e outras a outros. En canto ao traballo, hai dous enfoques: o latino, como castigo e o anglosaxón, como virtude. A min, ou por nacer por aquí ou por ser educado no catolicismo, non me gusta traballar. Non son deses que goza coa actividade laboral. Aspiro a pecar de lacazán, ocioso, vago, sen estar sometido a horarios, nin a resultados. A cousa tenche o seu aquel porque o proceso histórico da Humanidade non avanzou cara ao lecer e foi indo a peor. Na Prehistoria non se traballaba de sol a sol, senón que só se dedicaba a iso o tempo necesario para satisfacer necesidades básicas. Os antropólogos que estudaron tribos illadas da actualidade concluíron que o importante para elas vén sendo compartir e gozar e as horas dedicadas ao traballo son as menos.

O libro do Xénese describe cando Deus se molestou con Adán e Eva por aquilo de, viciosos eles, probaren a mazá prohibida da árbore do Ben e do Mal e chimpounos fóra do Paraíso —alí ninguén daba pau á auga— para que labrasen a terra e, supoño que con voz temible, castigounos a gañaren o pan coa suor da súa fronte ata que volvesen á terra; advertíndolles que viñan do po e en po se converterían; que, ala, veña, a traballar para expiaren pecado orixinal e os que fosen cometendo daquela en diante. Dando un salto no tempo, a industrialización, caracterizada pola introdución de maquinaria e automatismos, implicou o incremento de xornada —de sol a sol, catorce horas—, que foi diminuíndo coa unión dos traballadores e a aparición dos sindicatos. Ata hoxe que aínda aparecen rémoras poderosas que non queren reducir a xornada laboral. Os anglosaxóns, alá eles por esa visión happy flower, entenden o traballo doutro xeito e, de seguro, por iso teñen mellor economía. Lutero e Calvino predicáronlles que o traballo era unha bendición, un efecto da bondade divina e ata Franklin escribiu que é o camiño cara á felicidade. Isto reflíctese nos idiomas —nunca sei se as linguas describen os pobos, ou os pobos definen as linguas—. O verbo work, ten un significado primixenio de enerxía vital; algo bo, positivo. Para sintetizar: en Morte dun Viaxante, do norteamericano Arthur Miller, o protagonista di que as cousas que ama no mundo son o traballo, a comida e o tempo para sentarse a fumar. Non sei porque se limita así e inclúe o traballo entre os praceres. Por contra, no mundo mediterráneo Aristóteles deixou dito que ninguén que fixese traballo manual podería ser virtuoso; Cicerón, que os artesáns facían unha actividade desprezable; San Pablo, cruel, que o que non traballe non coma —o mesmo dixo Lenin—. Nas Partidas de Alfonso X lexislouse que non sería cabaleiro o que «obrase algún vil menester de manos, por ganar dineros»; e, esaxerado, Larra no seu Volva vostede mañá, afirmou que moitos pasarían fame pola preguiza de levar a comida á boca. É que en España —non son un bicho raro— sempre houbo aversión polo traballo. O máis curioso de todo, quizá o máis profundo, é a etimoloxía da palabra traballo. Aclara todo. Ven do latino tripalium, un instrumento de tortura, suplicio a xeito de aspa de tres paus, e foise asociando coas ideas de sufrimento, castigo, pena. Tal cal o que di o Xénese. Na actualidade, en pleno auxe do neoliberalismo, a traxedia é o desemprego, tan acusado nesta zona despois do estío, que nos volve á memoria aquilo que dicía Marx dun exército de obreiros dispostos a ocupar calquera posto por pouco que sexa o salario, de traballar aínda que sexa un calvario. Dándolle unha volta a isto non é estraño que se fale de xubilación cando se remata a idade laboral. Se traballar deriva de tortura, xubilarse ten orixe en xúbilo, ledicia, fin do castigo. A destempo, pero menos mal.