O triunfo sobre o Balonmano Perdoma é o terceiro consecutivo do equipo que dirixe Juan Manuel Costas
02 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Inelsa Solar Asmubal Meaño non desaproveitou a ocasión que lle presentaba a visita do pechacancelas ao Pavillón Coirón-Dena para encadear a súa terceira vitoria consecutiva, a cuarta nas cinco últimas xornadas, consolidándose na zona media da clasificación da División Honor Plata Femenina, oitavo con 9 puntos tras as dez primeiras semanas de competición. Con todo, o 35-27 final sobre o Balonmano Perdoma só correspondeu á súa aparente contundencia co visto na segunda parte.
Na primeira, o exceso de agasallos en balóns mal entregados e a falta de intensidade do sete de Juan Costas permitiulle ao conxunto tinerfeño manterse en todo momento no partido.
Tras o 15-14 co que se chegou ao descanso, e coas instrucións do seu adestrador refrescadas tras o paso por vestiarios, as xogadoras do Asmubal non tiveron máis ca axustar a súa defensa para empezar a poder correr e sentenciar. A extremo zurda xuvenil Alba Domínguez, con 4 goles e un acerto do cento por cento no tiro, foi unha das destacadas.
FICHA DO PARTIDO:
INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (35): Irene Ríos, Raquel Sineiro (2), Sofía Arangio (7), Sabela Miniño (2), María Currás (4), Nicole Damascena, Uxía, Ballada (3), Claudia Vera (1), Alba Domínguez (4), Laura Miniño (9), Irene Romero, Luna (1), Raquel Muñiz, Vanesa Domínguez e Shaila (2).
CLUB BALONMÁN PERDOMA (27): Trujillo, María Rodríguez (5), Uxue (2), Haridian, Nayara Armas (7), Elvira Luis (8), Ayatima, Miha Lemine, Ariana, Daniela (1), Aroa (1), Nicole Collins (2) e Sabrina (1).
MARCADOR CADA 5 MINUTOS: 3-2, 6-6, 8-7, 10-10, 14-12, 15-14 (descanso); 18-17, 22-18, 26-20, 30-23, 32-25 e 35-27.
ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Sergio Pintado e José Manuel Chacón. Castigaron con dous minutos as xogadoras locais Luna (min 49.33) e Vanesa Domínguez (51.33) e as visitantes Nayara (min 26.05), Miha Lemine (36.55) e María Rodríguez (47.14).