A sesión terá lugar o día 25, de 12.15 a 13.45 e contará con 40 prazas dispoñibles
22 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.O centro de formación de Matosinhos acollerá o vindeiro martes unha charla sobre ciberseguridade impartida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración co Concello de Vilagarcía. O obxectivo é proporcionar á cidadanía ferramentas útiles para evitar estafas e roubos na internet ante a inminente tempada de compras do Nadal. A sesión terá lugar o día 25, de 12.15 a 13.45 e contará con 40 prazas dispoñibles. As persoas interesadas deberán inscribirse directamente no centro de formación, que está aberto de aberto de 9.00 a 14.00.
A actividade busca concienciar sobre a importancia de adquirir hábitos seguros na contorna dixital. Entre os contidos que se abordarán destacan a protección de credenciais, a navegación segura e as prácticas recomendadas para manter os dispositivos a salvo. Tamén se tratarán cuestións moi vinculadas a estas datas, como as compras en liña, as fraudes asociadas ao Black Friday, as estafas relacionadas con loterías e sorteos ou os riscos dos «agasallos intelixentes». A crecente presenza de delitos informáticos converte esta formación nunha ferramenta esencial para calquera persoa usuaria da internet, independentemente da súa idade ou nivel de experiencia.