As obras nunha estrutura afectada pola corrosión, non impedirán, en principio, o acceso á illa, que moitos cambadeses usan para estacionar
14 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.A illa dAs Goritas terá proximamente un acceso renovado. Marta Villaverde, responsable da Consellería do Mar da que dependen, a través de Portos de Galicia, eses terreos, deu onte traslado ao Consello da Xunta da adxudicación das obras que servirán para rehabilitar a ponte que conecta o illote artificial co porto de Cambados.
As actuacións suporán un investimento autonómico de ao redor de 400.000 euros. O proxecto contará cun prazo de execución de seis meses.
Desde a Consellería indican que os traballos proxectados «permitirán recuperar anos de vida útil da ponte e manter a súa capacidade inhibindo a corrosión que presenta en zonas da estrutura e vigas». E é que unha das vigas que conforma o armazón atópase tan corroída que deberá ser substituída. Estudarase se o resto de pezas necesitan tamén obras de calado. Sobre o resto da superficie de formigón, prevese que se realicen operacións de limpeza, saneamento, reconstrución con morteiro e aplicación de inhibición de corrosión e morteiro de impermeabilización.
Trátase dunha obra anunciada a comezos de ano e cuxa necesidade comezaba a ser perentoria, tendo en conta que a estrutura, levantada xa hai máis de dúas décadas, leva tempo sendo obxecto dos efectos do mar e as inclemencias meteorolóxicas.
En principio, as actuacións non suporán o corte do tráfico nin do acceso a pé, aínda que desde a Consellería tampouco o descartan se o desenvolvemento das obras así o esixe. A illa artificial conta cun aparcadoiro no seu centro que adoita ser empregado polos veciños de Cambados para estacionar os seus vehículos.
O porto, de actualidade
Non será esta a única novidade que afecte o porto de Cambados durante esta semana. Prevese que nos próximos días o Concello celebre un pleno extraordinario para discutir a aprobación do Plan Especial de ordenación dos espazos portuarios, que permitirá desatascar varios proxectos encallados nas inmediacións de San Tomé e Tragove. O rexedor, Samuel Lago, está pendente da rectificación dalgúns puntos do plan por parte de Portos para convocar o resto da corporación municipal.