David de la Fuente e Uxía Pérez impóñense na Festa do Marisco

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

A atleta tudense revalidou o título que xa conquistara na edición anterior

29 sep 2025 . Actualizado a las 20:07 h.

O Grove gozou o pasado domingo da cita deportiva que desde hai un cuarto de século acompaña a maior cita gastronómica do outono galego. A Carreira Popular Festa do Marisco viviu a súa vixésimo cuarta edición, co marinense David de la Fuente (C.D. Pinarium) facendo boa a súa condición de candidato ao triunfo na proba sobre dez mil metros e coa tudense Uxía Pérez revalidando o título. El, apurando ata o último segundo, ela, sen rival.

Algo máis de media hora, 33 minutos e 43 segundos, lle levou a De la Fuente romper a cinta na liña de chegada en Peralto. Con saída no paseo de Beiramar, á altura de Confín, os 204 atletas de categoría absoluta que participaron na carreira grovense percorreron o xa tradicional trazado pola praza do Corgo, rúa da Praza, rúa Castelao e A Toxa, onde alternaron asfalto e monte na súa carreira. Dous segundos separaron o de Marín do atleta da Illa Pablo Otero, segundo en 33.45. O cambadés Amadeo Abal completou o podio masculino, cun tempo de 34.21, levando 150 euros de premio, polos 250 de Otero e os 350 do vencedor.

Idéntica recompensa se repartiron a campioa absoluta, Uxía Pérez, completando os dez mil metros en 40.24, a redondelá Sofía Freaza (Comesaña S.C.), segunda en 42.16, e a santiaguesa Ana María Santiso (Atletismo Ría de Foz), terceira en 44.04.

Rematada a proba absoluta, 146 nenos e rapaces competiron polos títulos das categorías sub 10 a sub 18.