O BNG de Valga propón crear un aparcadoiro na zona industrial sobre unha parcela propiedade do Concello
AROUSA

A proposta busca reducir os problemas que atopan a diario moitos traballadores para estacionar os seus vehículos
19 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.O BNG de Valga levará ao próximo pleno unha proposta para habilitar como aparcadoiro unha parcela de titularidade municipal situada en Rúa Nova. O terreo, duns 1.700 metros cadrados, atópase xunto ao campo de tenis e próximo ás empresas Extrugasa, Exlabesa e Urovesa, así como aos campos de fútbol de Campaña.
A iniciativa pretende dar resposta á elevada concentración de vehículos que se estacionan nas inmediacións das instalacións industriais. Segundo o BNG, esta situación dificulta a circulación, xera problemas para a veciñanza e afecta tanto os traballadores das fábricas como a quen acode á zona durante as fins de semana para actividades deportivas.
A proposta consiste en acondicionar o soar e delimitar prazas de aparcadoiro co fin de ampliar a capacidade de estacionamento, mellorar a ordenación do tráfico e garantir a seguridade viaria.