O Concello de Cambados solicitará a creación dun obradoiro de emprego de soldadura

Xacobe Lamas CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Samuel Lago fixo o anuncio tralo peche exitoso doutro curso dos obradoiros de carpintaría e albanelaría

18 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A satisfacción co funcionamento dos obradoiros de emprego no Concello de Cambados levará á administración local a tratar de impulsar a creación dun novo curso de similares características de cara o ano que vén.

Anunciouno o rexedor, Samuel Lago, tralo remate do obradoiro dual de albanelaría e carpintería, cuxo acto de clausura tivo lugar onte na edificio consistorial.

Lago apuntou que a súa intención de cara o vindeiro curso é a de solicitar a creación dun obradoiro dual de soldadura e carpintaría metálica, mantendo o obradoiro xa existente.

«Xa adquirimos os equipos necesarios e xa llo propuxemos ás autoridades competentes da Xunta, que o viron con bos ollos. Cando abra o prazo solicitarémolo, esperando que nolo concedan de cara ao curso que vén», indica Lago.

Clausura do curso do 2025

No marco do obradoiro de emprego dual de carpintaría e albanelaría, con nome «Rutas de Sendeirismo III», vinte alumnos cambadeses en situación de desemprego formáronse durante os últimos nove meses nas mencionadas disciplinas, dez en cada especialidade.

No acto estivo presente Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta na provincia de Pontevedra, toda vez que o desenvolvemento destas actividades no Concello albariño foi posibles grazas a un investimento de preto de 420.000 euros realizado polo órgano autonómico.

Ao longo de toda a provincia, leváronse a cabo este ano vinte cursos de similar cariz, co obxectivo de formar a persoas desempregadas ao tempo que levaban a cabo tarefas de servizo para os concellos nos que se desenvolveron. En total, 400 estudantes formaron parte destes obradoiros na provincia de Pontevedra, o cal supuxo un investimento de máis de 8 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.

Entre as obras máis destacadas levadas a cabo polos estudantes cambadeses, cita o alcalde, atópanse a nova cafetería do campo municipal de Burgáns, a reforma da antiga casa-escola, agora centro sociocultural de Oubiña, e mais a reparación do lavadoiro de As Quintáns, en Castrelo. A todo isto débense sumar diferentes labores de arranxo do mobiliario urbano do municipio.