
A sardiñada popular centra a xornada de hoxe, na que a música seguirá como protagonista
14 sep 2025 . Actualizado á 10:23 h.Tras tres días intensos de música e celebracións, o broche final do Revenidas estará marcado pola gastronomía, o circo solidario e os últimos concertos desta edición. A sardiñada Revenidas?Turismo Rías Baixas celebrarase hoxe no parque de Dona Concha, con acceso libre e o atractivo de degustar, a partir das 13.30, unhas sardiñas que moitos consideran as mellores do mundo. O ambiente festivo comezará xa desde as 12.30 coas actuacións rueiras de Vos Terribles de Arousa, As do Xeito e a Mekánika Rolling Band, que animarán as rúas e arredores do parque. A programación continuará ás 17.30 coa Gala de Circo Solidaria, tamén en Dona Concha e de entrada gratuíta. Sobre o escenario sucederanse números de maxia, clown, música e circo a cargo de artistas galegos e cataláns de renome, como Peter Punk, Factoría de Subsistencia, Cris Collazo, Sempre Arriba, Sabela Galbán, Sonía García e Pau Segalés, entre outros. O día concluirá con dúas propostas musicais de gran nivel. Ás 19.45 chegará a quenda da Orquestra Bravú Xangai, formada por músicos de grupos históricos. Finalmente ás 21.15, o escenario transformarase coa proposta de Terrae.