A Deputación analiza en Cambados como seguir captando rodaxes nas Rías Baixas

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O ente provincial leva xestionadas este ano 46 peticions para a localización de series e de películas nas comarcas costeiras de Pontevedra

10 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A Deputación de Pontevedra leva xestionadas no que vai de ano 46 peticións de rodaxes de series e de películas nas Rías Baixas. O dato ofreceuno onte a deputada provincial Nava Castro no Parador de Cambados durante a súa participación nunha tormenta de ideas do programa Experiencias, do que o ente pontevedrés forma parte xunto con Formentera, con Burgos e con Sevilla seleccionados pola Spain Film Commission.

Esta última, como a Galicia Film Commission, son entidades dedicadas a facilitarlles a burocracia e as tarefas de produción a calquera iniciativa audiovisual de cara a decantar a elección dos escenarios naturais das súas historias. Nava Castro sinalou que a Administración pontevedresa traballa na liña de promover a provincia como lugar de rodaxes de series e de películas «porque sabemos da forte capacidade que estas teñen para inclinar a balanza á hora de elixir destinos turísticos», comenta.

Neste punto, desde a Deputación expoñen que os rexistros de Travelsat Competitive Index falan de que o turismo de pantalla, un fenómeno emerxente que sustenta a elección do destino vacacional polo gusto por un produto audiovisual de ficción, move a máis de 80 millóns de turistas. Tamén, que España se atopa entre os catro principais países exportadores de títulos de películas, que é o cuarto máis empregado para a localización de filmes e o segundo do mundo en atracción de visitantes.