Voces da música tradicional reclaman o apoio institucional no Día Internacional do Folclore
AROUSA

Alegan que o patrimonio cultural galego se mantén polo esforzo conxunto das asociacións, pero botan en falta a Administración
22 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.Folclore: Conxunto de tradicións, costumes, manifestacións artísticas etc., dun pobo. Segundo a Real Academia Galega, o folclore engloba todas as representacións culturais dunha sociedade. Conformando unha parte intrínseca do desenvolvemento dos seres humanos, as expresións son imprescindibles na construción da identidade. Co paso do tempo, o patrimonio vai collendo forma e convértese no resgardo da riqueza cultural. Así é que se institúe a idiosincrasia dunha comunidade, sendo difundida de xeración en xeración.
Hoxe celébrase o Día Internacional do Folclore, un día que pon o foco na tradición e tenta protexer e promover a herdanza cultural. Ese folclore —acuñado por primeira vez en 1846 baixo a pluma de William John Thoms— é moi importante porque grazas a el fomentase a diversidade e fúndase o sentido de pertenza. Pero iso non é todo, o acervo cultural e o coñecemento del impulsan a creatividade e innovación, porque esa tradición orixinaria permanece viva entre a xente. Así xorden asociacións adicadas especialmente a formar e transmitirlles as técnicas autóctonas ás persoas. Encárganse de recoller a cultura oral viva e reproducir para que non se perda o valor cultural. Para ter un panorama actual do tradicional galego, falamos con tres representantes de grupos que levan o folclore moi preto.
Víctor Manuel Vázquez Otero, presidente da asociación vilagarciá Nós de Sobradelo de case 40 anos, comenta que dende 2023 «houbo un rexurdir a través dos grupos como Tanxugueiras e vese un incremento en foliadas e seráns». Percibindo que a demanda dos rapaces medrou, «tamén é certo que o custe de chegar ao escenario ao mellor bota a xente atrás». Así tamén, demostra a súa preocupación pola inexistencia do fomento cultural tanto a nivel municipal como da Deputación: «O primordial é que as institucións se acorden de manter o noso legado, porque as asociacións culturais non temos moita axuda. O día que desaparezan as asociacións culturais, non hai quen manteña o patrimonio». Agora susténtanse co aporte dos socios e as poucas actuacións que fan.
A asociación Froallo (1987) de Vilagarcía conta con seis músicos e un deles, Manuel Romero, destaca que «o folclore hai que conservalo pero, por desgraza, está vindo a menos: non hai espazo ao tradicional, o cultural non ten un apoio institucional». Segundo Romero, os grandes espectáculos desprazaron o tradicional, as comisións de festas prefiren as orquestras aos grupos de gaitas «neste ano, nós temos cinco actuacións». O problema, «perde o valor porque non se está axudando a manter a tradición. Hai que facer un intercambio cultural cos Concellos e comunidades autónomas para darse a coñecer». Agora mesmo, «as autoridades non lles dan importancia, o gaiteiro e a pandeireteira tradicional non ten saída pero nós imos seguir loitando» di Romero.
O artista carrilexo Cristian Silva define a súa música como «de autor» que emprega instrumentos populares. «A música tradicional constituíu a miña base e todos temos un imaxinario influenciado pola música que escoitamos ao longo da nosa historia». Silva tamén ten unha longa carreira de profesor en conservatorios, e coñecendo a actualidade educativa sentenza: «É moi grave que a especialidade de gaita só se pode estudar en catro conservatorios da Xunta, nin Santiago nin A Coruña nin Pontevedra, e instrumentos coma a zanfona aínda non forman parte dos estudos de grao. Se hai tanto interese debería de estar refractado, eu penso que as institucións empregan o folclore como ferramenta política ou simbólica». Nese sentido, a educación recae nas asociacións que «por sorte hai moitas e cada vez máis nutridas» pero remarca que debería reforzarse a ensinanza. Levando a música no seu ADN, a súa procura persoal e profesional recae en atopar un son propio. Para iso, con axuda duns artesáns logrou facer instrumentos que facilitan a súa técnica. Cunha mestura de gaitas, frautas, sintetizadores e percusión, Silva logra un equilibrio do tradicional coa novidade, respectando as raíces pero dando paso ao futuro.
Accións como o recoñecemento do Día das Letras Galegas ao aporte das cantareiras é indispensable para visibilizar a cultura. Pero non hai que esquecer o traballo que fan as asociación que adican ao seu resgardo. O presente non é cor de rosa pero a situación pódese redimir promovendo novas propostas. A cultura é identidade, a cultura é un tesouro e coma tal hai que preservalo.