Comeza a recta final de San Roque coa musicalidade de Mondra e co Festaclown
AROUSA

Vilagarcía preparase para o Combate Naval cun cartel cheo de actividades
22 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.As festas de San Roque entran hoxe na súa recta final despois de días de troula, auga e diversión. Ás once da mañá, o Festaclown presenta o espectáculo Clownssics, onde a diversidade e a inclusión encherán as rúas de Vilagarcía de Arousa durante algo menos dunha hora.
Ás doce e media a praza de Ravella será o escenario sobre o que tres feirantes percorrerán o mundo no seu carromato e contando vellas historias da cultura popular para os máis pequenos, e non tan pequenos. Pero coidado, porque algunha historia pode remover pesadelos! En Historias para escarriñarse o Teatro Ghazafelhos recupera un dos seus primeiros espectáculos de rúa facendo uso do humor e pedindo a participación do público para representar os contos.
Pola tarde continúan as actividades con Garrapete Clown, unha proposta de música, poesía e diversión da que se pode gozar na praza de Galicia, ás 19.30 horas. Sobre as nove, todo o concello de Vilagarcía será testemuña dun pasarrúas protagonizado polo grupo de gaitas Lamurada de Cornazo, ao mesmo tempo que Tranvía nº12 presentará na praza da II República a cinco personaxes diferentes que agardan polo seu tren.
Mondra será o encargado de seducir ao público da cidade a partir das 22.30 horas, no parque da Xunqueira, nun concerto onde se mesturan os seus temas máis coñecidos coa estética do seu novo albume De Ronda. Cunha aposta pola música en vivo e achegando ao público á tradición oral galega, o compostelán promete ser unha das actuacións máis interesantes e na medianoite será Señora Dj a encargada de animar a Alameda.