Amigos de Galicia e Alcampo únense para axudar ás familias na volta ao cole
AROUSA

A aportación de material escolar sen estrear pódese facer no supermercado Alcampo
22 ago 2025 . Actualizado á 20:27 h.A Fundación Amigos de Galicia en colaboración co supermercado Alcampo volve poñer en marcha a iniciativa Nas mochilas, o seu futuro en Vilagarcía de Arousa.
Trátase dunha acción para que os rapaces das familias que non dispoñan dos recursos suficientes poidan afrontar a volta ao cole e empezar o curso con mochilas adaptadas á súa etapa formativa con cadernos, carpetas, lapis ou bolígrafos.
Pódese colaborar de tres formas distintas: doando material escolar novo no punto de recollida de Alcampo ou en outros establecementos colaboradores; realizando unha doazón a través de Bizum co código: 02735 ou adquirindo unha mochila solidaria a través da páxina web da entidade. O ano pasado, Amigos de Galicia entregou ata 1.564 mochilas con material escolar a rapaces en risco de exclusión social. Neste 2025 a volta ao cole está marcada polo incremento do prezo dos libros e do resto do material. Estímase que as familias gastarán unha media de 501,2 euros por rapaz ao longo do curso.