O lume permanece «controlado no seu perímetro» pero logra facer colapsar a nave dos fabricantes de Ratibrom en Vilagarcía
AROUSA
Os servizos de emerxencias seguen traballando en Rubiáns, onde «a evolución do incendio é favorable e os valores da calidade do aire mantéñense dentro da normalidade»
09 ago 2025 . Actualizado á 22:11 h.En abril de 2019, un voraz incendio destruíu unha das naves que Impex Europa posúe no polígono de Trabanca-Badiña, en Vilagarcía. O incidente acaba de repetirse, nesta ocasión cun dos almacéns que a compaña que fabrica o coñecido raticida Ratribrom xestiona na parroquia de Rubiáns, tamén na capital arousá.
As chamas, visibles desde longa distancia, e unha espesa columna de fume que brotaba a gallarón constituían este sábado pola mañá claros indicios do volume do sinistro, cuxa gravidade se incrementa polo feito de que na contorna das instalacións sitúanse máis dunha vintena de vivendas que foron desaloxadas como primeira medida de precaución. A útlima hora da tarde autorizouse o retorno ás casas máis afastadas da nave incendidada, cuxos propietarios debían extremar as precaucións: non abrir as fiestras e usar máscaras. O resto de afectados tiveron que durmir fóra, a maioría coas súas familias, aínda que en dous casos tivo o Concello que facilitarlles aloxamento. Preocupaba tamén a presenza dunha gasolineira nas inmediacións.
Os servizos de bombeiros de Vilagarcía, Ribadumia e Baixo Miño, o Servizo Municipal de Emerxencias, efectivos de Medio Rural, o grupo de Apoio Loxístico (GALI), que mobilizou unha cisterna de gran capacidade para reforzar as tarefas de extinción, aplícanse a fondo desde esta mañá no control do incendio coa colaboración da Policía Local e Nacional de Vilagarcía e da Garda Civil. Os seus esforzos parecen dar resultado: o informe emitido por Axega ás sete da tarde asegura que o lume «está controlado no seu perímetro» e que «a evolución do incendio é favorable e os valores de calidade do aire mantéñense dentro da normalidade».
De feito, o último tramo da N-640, a avenida de Rubiáns, que canaliza o tráfico de entrada e saída cara a Pontevedra, tivo que ser cortado debido á magnitude do lume, que se iniciou cara ás once da mañá. Ao fío das seis e media da tarde, a circulación puido recuperar a normalidade.
O feito de que Impex Europa traballe con produtos químicos engade un especial coidado ás tarefas de extinción, aínda que a propia empresa e o Concello de Vilagarcía confirman que os materiais afectados polas chamas non son tóxicos. Trátase dunha nave loxística na que a compaña mantén a mercancía que está a piques de ser distribuída.
Durante a mañá, nas proximidades da almacén chegou a caer cinza e durante toda a xornada están a oírse lixeiras explosións. Salvo un, todos os establecementos comerciais que funcionan na zona pecharon a porta. Se algo positivo trouxo a pandemia é a conversión das máscaras nun obxecto de uso corrente, sempre á man.
A precaución tamén levou á xente para proverse delas e distribuílas. Os empresarios da contorna están a poñer ao dispor dos servizos de intervención os medios dos que dispoñen, desde mangueiras a puntos de captación de auga. Dúas horas despois de que se declarase o incendio, a columna de fume comeza a remitir.
Recomendacións de Sanidade
A Xunta fixo unha serie de recomendacións á cidadanía. A Consellería de Sanidade advirte de que o fume pode causar «irritación dos ollos e da gorxa ou dor de cabeza» e de que pode «irritar o sistema respiratorio e agravar a situación daquelas persoas que padecen enfermidades cardíacas e pulmonares crónicas».
O Executivo autonómico recomenda limitar a exposición ao fume, abandonar a área se está nun grupo de risco (bebés, nenos, embarazadas, maiores de 65 anos ou xente con enfermidades respiratorias ou cardíacas crónicas) ou, se se permanece dentro de casa, manter o aire interior «tan limpo como sexa posible», pechando portas ou fiestras ou usando aire acondicionado.
A Consellería de Medio Ambiente, que xa no 2019 supervisou a situación, está tamén informada a efectos de control do sinistro e da auga que se está empregando na súa extinción.