
O grupo, que é unha fusión das músicas galega e vasca, fará xira por Galicia cunha parada prevista na Illa o 10 de agosto
01 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Dende Eibar e Ermua, Marta Zubiaurre, Luis Arias, Jose Chazo e Paulino Dieguez únense cunha mesma paixón: a música. Pero non calquera música... Euskelga é un grupo que marca a diferenza, o seu son reúne o mellor da cultura galega, galesa, euskalduna e escocesa. As notas mestúranse nun equilibrio que dialoga cos diversos instrumentos: violín, frauta irlandesa, «tin whistle», gaitas, guitarra, baixo e voz.
Euskelga é un exemplo de como se poden cumprir os soños a pesar de que a realidade pareza ir por outro lado. Todos os integrantes teñen traballos alternos á música pero iso non os detén para cumprir os seus soños. Falamos con José Chazo sobre a eminente xira en Galicia.
—Como xurde esta mestura de culturas?
—Nós coñecémonos en centros galegos... Eles veranearon toda a vida en Galicia, e teñen a súa segunda residencia aquí,. de aí viría a raíz galega. Se che gusta o folk sempre tocas as raíces irlandesas, si naces en Euskadi pois tamén acabas tocando as cancións tradicionais de alí. Ao final a mestura é sinxela, a música de raíz sempre ten unha parte do folk, unha esencia común.
—Como se definirían?
—Somos catro persoas normais que gozamos da música e que temos moita raíz galega. Iso é o bonito, xuntarse a facer música, gozar e facer gozar a xente.
—Que esperan da xira?
—O que nos gusta é tocar, compartir a música e facer pasar un bo rato a xente... Non somos profesionais, nos dedicamos a outras cousas, cada un ten o seu traballo e entón o queremos é gozar...
—Que lle depara o futuro a Euskelga?
—A idea é continuar con calma, facer algunha gravación nova... Temos aí para pechar actuacións nalgún teatro, e algunha cousiña cara ao inverno. A nosa motivación é gozar da música, senón non estaríamos tocando. Ao final isto é un «hobby» dentro da vida de cada un, para escapar da vida diaria.
A xira terá paradas en Puebla de Sanabria (8 de agosto); o 9 en Vilar de Santos (sesión vermú) e Ribeira, é o 10 de agosto, na Illa (sesión vermú) e Allariz.