A Deputación e o concello insular asinan un convenio de medio millón para reformar varias rúas do centro
AROUSA

Luis López e Luis Arousa rubricaron este mércores o acordo, que permitirá actuar en Marqués de Bradomín, Naval e Alcalde Manuel Graña
24 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde da Illa, Luis Arousa, asinaron este mércores un convenio de colaboración en virtude do cal o organismo provincial garante financiamento para «a transformación e posta en valor das rúas Marqués de Bradomín, Naval e Alcalde Manuel de Graña». Este acordo enmárcase no Plan Extras, un plan de investimentos que mobiliza «ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes para executar proxectos estratéxicos». No caso da Illa de Arousa, a localidade recibirá medio millón de euros, o cento por cento do diñeiro necesario para acometer o proxecto —aínda que 75.000 euros chegarán do Plan +Provincia—.
A actuación para acometer vai supor «continuar coa transformación realizada no paseo Naval». É dicir, «enlazará desde o sur, na rúa Marqués de Bradomín, continuando pola rúa Manuel C. de Graña, ata conectarse de forma accesible co Naval». Retiraranse algúns elementos que agora están sobre o terreo, pavimentarase a zona, renovaranse tubaxes e rede de saneamento, así como luminarias, enterrarase o cableado e colocaranse novos sinais, ademais de «dotar á contorna de espazos verdes, árbores e novo mobiliario urbano».
A colaboración da Deputación de Pontevedra co Concello da Illa de Arousa, explican desde o organismo provincial, «non se limita unicamente ao Plan Extra». «O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 1,1 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas», explican desde el edificio de la Avenida Montero Ríos.