Armenteira Jazz celebra o seu décimo aniversario con Dani Font Cuarteto

maría Santamaría / r. e. MEIS / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

No evento «non vai haber colas, nin autobuses, nin pelexas», o que si vai haber é artistas galegos que veñen dende países como Brasil ou Canadá

10 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O festival Armenteira Jazz terá lugar o 18, 19 e 20 de xullo, e neste 2025 celébrase xa a décima edición dun festival único, no que este ano se reúnen músicos galegos que veñen dende sitios como Brasil ou Canadá.

O evento musical comezará o venres 18 con Pablo Castaño Cuarteto, ás dez da noite, seguido por A Tronic Journey ás 23.30 horas. O sábado será o Dani Font Cuarteto o que animará a festa, unha actuación especial, porque este músico xa participou no Armenteira Jazz nunha das súas primeiras edicións e agora volve para celebrar o décimo aniversario do festival. O organizador, Paco Charlín, explicaba que Dani Font non reside en España, se non en Canadá e é por iso que este será un cuarteto «único». A continuación tomará o relevo David Taboada Trío.

O domingo 20 de xullo rematará o festival despois da actuación de Juyma Estévez Trío ás 12.30 horas. Todas as actuacións son «improvisadas», xa que nun xénero como o jazz, a música constrúese segundo o ambiente e non hai dúas actuacións iguais.

«Non vai haber colas, nin autobuses, nin pelexas, algo que si se pode encontrar nos famosos macrofestivais nos que se goza de todo, menos da música», así é como reivindicaba Paco Charlín o valor de eventos como o Armenteira Jazz, nos que se pode gozar de música, de bo ambiente e de gastronomía.

A entrada é de balde, polo carácter do evento, pero tamén grazas á achega de 3.000 euros por parte do Concello de Meis. Durante este mes de xullo no concello celébranse tanto a Festa dos Callos, como a de San Bieito e a alcaldesa, Marta Giráldez (PSOE), sinalaba a Meis como epicentro da cultura da comarca.

O organizador do festival, Paco Charlín, que falaba do público do evento como a resistencia, relataba que «a organización do Armenteira Jazz é un traballo laborioso pero vemos que cada ano todos os que se chegan están agradecidos do que se está facendo, e cada vez contamos con máis público e máis renome».