A Deputación achega a ao público infantil do Grove a historia das cantareiras galegas
AROUSA

A cita será mañá, na casa de cultura Manuel Lueiro Rey
10 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.As Letras Galegas seguen tendo unha fonda repercusión na programación cultural, cando menos na do Grove, que este mesmo xoves acollerá na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, o contacontos «Cantareiras», a cargo da compañía Polo Correo do Vento. A actividade, organizada pola Deputación de Pontevedra, está dirixida ao público infantil e terá lugar nas dependencias da biblioteca municipal ás once e media da mañá. Mediante esta representación, o organismo provincial ten como obxectivo, segundo sinala, divulgar entre a infancia o papel fundamental que xogaron as cantareiras na conservación e difusión da lingua galega ao logo do tempo, unha tradición que se segue a conservar e goza de moi boa saúde.
A obra, que percorrerá un total de 35 concellos da provincia ata o vindeiro 31 de xullo, repasa a biografía destas mulleres, personificadas en figuras como a de Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; Eva Castiñeira, de Muxía, ou Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido, integrantes das Pandereteiras de Mens, de Malpica.
A narración intercálase coa interpetación de pezas que elas cantaban e outras propias de cada unha das localidades onde se leva a cabo a actuación, e conclúe cun obradoiro de debuxo no que os nenos retratarán a unha das pandereteiras. A peza, que fai as delicias dos cativos alá onde vai, combina ilustración, literatura e música para continuar difundindo esta tradición cultural senlleira. Para acudir a esta actuación é necesario inscribirse previamente na biblioteca municipal, ben sexa presencialmente ou enviando un correo electrónico.