
Hai que darse conta da extraordinaria importancia cultural dese BIC e da súa contorna: resulta un pozo de coñecementos, aínda sen fondo coñecido
06 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Estando próxima a inauguración dun Centro de Interpretación de Adro Vello —cunha maqueta impresionante de Carlos A. Besada—, cun Convenio entre a Xunta e a Igrexa, e que esperamos que sexa só un paso previo e transitorio cara á musealización do xacemento, volven os arqueólogos a Adro Vello apoiados, fundamentalmente, pola Consellería de Educación e a Universidade de Vigo, coa displicencia incomprensible das autoridades —non no senso de auctoritas— locais e provinciais. Hai que darse conta da extraordinaria importancia cultural dese BIC e da súa contorna: resulta un pozo de coñecementos, aínda sen fondo coñecido, para profundar na comprensión do Imperio Romano, da época sueva, da Idade Media, e da historia de Galicia e nosa, nun continuum ata case o século XIX. Estes días publicouse na revista Antiquity da Universidade de Cambridge, o que sitúa Adro Vello na vangarda mundial da investigación: «Garum atlántico romano: o ADN confirma o uso de sardiñas e a continuidade da poboación no Noroeste de Iberia». Os autores son Gonçalo Espregueira e Paula F. Campos do Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental da Universidade do Porto; Adolfo Fernández, Patricia Valle e Alba A. Rodríguez, da Universidade de Vigo, Carlos Fernández da Universidade de Santiago, Eduardo G. Gómez de Agüero da Universidade de León e Rute R. da Fonseca, da Universidade de Copenhague. Convén lembrar, como sinalan os autores, que Adro Vello «ten unha longa historia de ocupación, que empeza nos séculos I-III d.C coa planta de salga de peixe, seguida dunha vila romana tardía dos séculos IV-VII d.C. e continúa cun posible mosteiro altomedieval (séc.VIII-XI) e unha igrexa medieval cun gran cemiterio». Dentro do conxunto romano identificáronse catro grandes píos destinados á salga e, nun deles, unha certa abundancia de restos mariños, empregados para elaborar salsas e pastas de peixe en salgadura. Estes restos foron estudados no Laboratorio de Prehistoria da Universidade de León, en Beta Analytics de Estados Unidos para as probas de radiocarbono e no Museo de Historia Natural de Estocolmo para a extracción do ADN. As conclusións dinnos que a sardiña, precisamente desa especie europea abondosa en Marrocos, Iberia e costa atlántica de Francia, fora pescada entre os anos 84 e 394 d.C., data que coincide cos restos de ánforas desde o século I atopadas no lugar. Trazouse, tamén, a hipótese da relación coa fábrica de salga da praia de Naso na Illa de Arousa, que parece que colapsou ao mesmo tempo, cara ao século IV. Os resultados comparáronse con ADN de sardiña europea actual (Sardina pilchardus) e doutras especies e demostrou que o ADN desta sardiña cambiou moi pouco nos últimos dous mil anos; e que as que preparamos nestes días de principio do verán son extraordinariamente semellantes ás que transformaban aqueles romanos en conservas de pastas salgadas. A investigación valeu para acreditar que o ADN sobrevive en ambientes de fermentación como o das salmoiras utilizadas polos romanos para facer garum, e iso permite non só identificar especies senón estudar as poboacións antigas de peixes. Foi a primeira vez que se extraeu e secuenciou ADN de restos de peixe das cubas romanas de salgadura, permitindo despois de dous mil anos a identificación nesas condicións e a comparación coas especies actuais. Así que Adro Vello segue traéndonos cultura, coñecementos. Son imprescindibles todos os apoios para estudar, salvagardar e dar a coñecer ese xacemento, para que nos vaia contando todo o moito que aínda lle queda por dicirnos. Que non se releen esforzos e que poidamos seguir recibindo ensinanzas dese libro.