Catro coches implicados e dous feridos, nun accidente na avenida dAs Sinas

AROUSA

Outro vehículo perdeu o control cando circulaba pola Autovía do Salnés e chocou contra a mediana
06 jul 2025 . Actualizado á 18:30 h.As estradas da comarca arousá rexistraron esta noite dous accidentes de diversa consideración. O primeiro tivo lugar na avenida dAs Sinas e, segundo informan Protección Civil de Vilanova e Emerxencias Cambados, nel houbo catro coches implicados e dúas persoas feridas. O segundo foi na Autovía do Salnés, cando un vehículo perdeu o control e chocou coa mediana.
O primeiro dos sinistros produciuse cando, ao parecer, catro vehículos chocaron en cadea. Segundo explican en Emerxencias Vilanova, os catro turismos circulaban polo mesmo carril cando, o primeiro deles, freou. Os seguintes non tiveron tempo a reaccionar e chocaron, sufrindo danos de diversa consideración. Ao lugar desprazáronse tamén efectivos da Garda Civil de Tráfico, que abriron unha investigación para tratar de aclarar o sucedido. Unha ambulancia do 061 levou a unha das feridas a un centro hospitalario, queixábase de dor cervical. O outro foi derivado por Emerxencias de Cambados.
O segundo accidente rexistrouse na Autovía do Salnés ao seu paso polo municipio de Ribadumia. Neste caso, viuse implicado un único coche. Sen que ata o de agora se saiban as causas, o condutor do vehículo perdeu o control do mesmo e foi chocar contra a mediana. Segundo informa Emerxencias Cambados, ninguén resultou ferido. No sinistro interviñeron tamén a Garda Civil de Tráfico e Mantemento de Estradas.