A Xunta salienta que inviste no marisqueo do Salnés máis dun millón de euros

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

02 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez, destacou onte na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia a aposta que, di, fai a Consellería do Mar para a difusión, rexeneración e posta en valor da actividade marisqueira na comarca do Salnés. Unha aposta que superará o millón de euros nos vindeiros meses.

A maioría destes cartos, 700.000 euros, irán a seis proxectos dedicados a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal xestionados polas confrarías Virgen del Rosario de Vilaxoán, San Antonio de Cambados, San Martín do Grove, Pastoriza e a OPP20 Illa de Arousa. Outras seis iniciativas na comarca, neste caso proxectos colectivos para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables, recibirán 166.500 euros.

PSOE: concienciar os turistas

Tamén onte, o PSdeG-PSOE reclamoulle á Xunta de Galicia no Parlamento que poña en marcha unha campaña informativa para garantir o equilibrio entre a actividade marisqueira e o turismo nas praias do Salnés. Unha medida para combater o furtivismo de chancleta, que tanto dano lles fai ós profesionais do sector do marisqueo local, impedindo ademais o coidado e a rexeneración dos bancos.