
Estefanía Viveiro Martínez xurou o seu cargo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
30 jun 2025 . Actualizado á 19:03 h.Estefanía Viveiro Martínez asumiu este luns a responsabilidade do cargo de xuíza de reforzo na Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia de Vilagarcía Número 2, un longo nome co que veñen de ser rebautizados os durante anos chamados xulgados de primeira instancia e instrución tras a última reforma acometida polo Estado na materia. A xuíza participou no acto de xura ou de promesa celebrado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) con outros tres integrantes da 74.ª Promoción da Carreira Xudicial, dous con destinos en Santiago de Compostela e a restante ao outro lado da ría, en Ribeira.
Os membros da Sala de Goberno do TSXG Ignacio Picatoste Sueiras e José Luis Deaño Rodríguez e a presidenta da Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, Azucena Recio González, exerceron de padriños. O acto contou ademais coa presenza do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, que lles dedicou unhas palabras aos novos xuíces de reforzo sinalándolles a esixencia do que teñen por diante, en tanto van exercer “en órganos con moita carga de traballo”. Gómez y Díaz-Castroverde pediulles por iso mesmo “un esforzo” para encarala. No caso de Estefanía Viveiro Martínez, nunha localidade na que a solicitude dunha cuarta sala por parte do TSXG rematou convertida nunha petición en bucle desde hai máis dunha década.