Matosinhos acollerá un campamento dixital gratuíto para mozos de Vilagarcía de 11 a 13 anos
AROUSA

Os participantes aprenderán nocións sobre ciberseguridade e privacidade na rede
01 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Centro de Formación de Matosinhos será o escenario dun campamento dixital gratuíto dirixido a mozos de Vilagarcía de entre 11 e 13 anos. As familias interesadas poderán inscribir aos seus fillos e fillas desde o venres 4 de xullo ata o día 10, a través do Rexistro Xeral do Concello.
O campamento desenvolverase do 28 de xullo ao 8 de agosto, en horario 10 a 13 horas, e contará cun total de vinte prazas que se adxudicarán por orde de inscrición. Durante as sesións, os participantes aprenderán nocións crave sobre ciberseguridade, creatividade dixital, privacidade na rede e comportamento responsable en liña. Tamén se abordarán competencias dixitais básicas e avanzadas, así como estratexias para identificar e previr o ciberacoso.
Poderán participar no campamento os menores nados entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 31 de decembro de 2013 (ambos inclusive) que estean empadroados en Vilagarcía. Ao finalizar o curso, os asistentes recibirán un certificado DigComp que acreditará as competencias adquiridas.
Este programa formativo enmárcase dentro do proxecto CODI Programa de Competencias Dixitais para a Infancia, impulsado en convenio coa Fundación Cibervoluntarios e financiado con fondos Next Generation EU no contexto do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Infancia e Mocidade.
Doutra banda, a área de Servizos Sociais mantén aberto o prazo de inscrición para o programa Conciliatardes, que se desenvolverá tamén no Centro de Formación de Matosinhos desde outubro deste ano ata xuño do próximo. Esta iniciativa está dirixida a nenos e nenas nacidos entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2022. As inscricións poderán realizarse ata o 14 de xullo, tanto presencialmente no Rexistro Xeral como a través da Sede electrónica do Concello.