O privilexio adormenta o pensamento: o Día do Orgullo é un acto de reivindicación
AROUSA

Este sábado, o Cabaret do Amor animou Vilagarcía e na Illa deron lectura a un manifesto
28 jun 2025 . Actualizado á 16:19 h.O Día do Orgullo é unha cuestión complicada. Non é doado determinar que é o que realmente se celebra, e se, en efecto, existe algo que celebrar. O certo é que moitas persoas abriron o camiño á liberdade da que agora gozamos (que non é toda, nin xusta). Pertencer ao colectivo LGTBIQ+, ser queer, bisexual, transexual, non ser nada, querer selo todo, é partir dunha base que se cambalea. Como cada 28 de xuño, o Día do Orgullo chegou a Arousa. En Cambados, en Vilagarcía e en Vilanova locen a bandeira do Orgullo e en Meis e Ribadumia xa hai días que se sumaron á reivindicación, que onte tomou aires festivos en Vilagarcía. O Cabaret Amor de Nelson Quinteiro encheu este sábado de música e lenzaría as rúas ante a mirada a curiosa dos transeúntes.

Hai algo curioso —e profundamente inquietante— no comportamento humano: cando non hai nada urxente que doia nin carencias reais que asfixien, o baleiro énchese con odio ou incomodidade cara a aquilo que non se entende. Así é como a existencia de lesbianas, gais, persoas trans, migrantes, mulleres que esixen dereitos ou calquera identidade que non se encarte ao molde dominante, convértese nunha ameaza. Unha ameaza imaxinaria, construída sobre a base da ignorancia, do medo e do aburrimento.
O privilexio adormenta o pensamento. Un non empatiza, non escoita, non ve. Durante o Cabaret Amor, pasaron uns rapaces camiñando cunha muller duns cincuenta anos. Ao cruzarse coa actuación, intercambiaron miradas e algunha que outra mofa. Quizá o que ría estaba moi aburrido ou ten unha vida tan baleira, tan plana, tan cómoda, que calquera cousa allea sérvelle de entretemento.
Aínda así, Vilagarcía foi amable co cabaré. As mulleres, especialmente, mostrábanse máis abertas, máis dispostas a implicarse, a mirar con alegría e respecto o espectáculo.
A moitos homes, en cambio, custáballes máis levantar a vista da súa cervexa. Pero polo menos non dixeron nada. E iso, tristemente, xa é un avance. Porque gozar de liberdade sexual non é unha ideoloxía. É parte da identidade do ser. Non se pode evitar, non se debe reprimir, porque é rica, fecunda, transformadora. É na liberdade onde descubrimos que queremos ser e que fainos felices.