Ravella reclámalle á Xunta o arranxo do parque infantil de A Xunqueira

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Vilagarcía insta á reparar o espazo tras detectarse fallos no chan recentemente instalado

28 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía insta á Xunta de Galicia a reparar o parque infantil da Xunqueira, en mal estado a consecuencia das obras do tanque de tormentas da avenida Valle Inclán. A zona de xogos pechouse en 2023 ante a necesidade de soterrar uns tubos. Como consecuencia desa acción, o chan de caucho recentemente colocado estase desfacendo, segundo informan desde Ravella.

A Xunta valou a situación impedindo o uso deste espazo, para levantar parte do chan e instalar unhas canalizacións e colectores novos. Nese momento, o executivo galego fíxose responsable da reposición do parque, onde se colocou un novo chan de caucho, xogos e un cercado e volveu abrir a finais de 2024.

«Sen embargo, recentemente e tras unha inspección levada a cabo polos operarios municipais, detectouse que o chan instalado estase desfacendo o que provoca que se levante en pequenas partículas co risco de inxestión por parte das crianzas», segundo consta no informe elaborado polo Concello.

Queixas veciñais

A concellería de Medio Ambiente xa recibiu algunhas queixas por parte dos usuarios, ademais de sinalar que «non pode ser que en cuestións duns poucos meses se degrade tanto unha pista que é nova», segundo indica o edil Diego García.

Por este motivo, a Xunta de Goberno Local desta semana aprobou o envío dun requirimento á Xunta de Galicia para que arranxe a instalación, deixándoa en perfecto estado e entendendo que aínda estará en garantía, dado que a obra do tanque non rematou.

Obras noutros parques

Por outra banda, o goberno municipal informa de que está levando a cabo dende hai uns meses un Plan de renovación de parques infantís. A previsión é actuar en toda a rede municipal, composta duns 41 espazos de xogo. Xa se actuou en máis da metade, como en Celso Emilio Ferreiro ou en Ravella, por exemplo. Tamén se retiraron os xogos no da Compostela, que xa se están recolocando. En breves actuarase no de Matosinhos, o Piñeiriño e Os Duráns. A inversión dese plan ascende a máis de 90.000 euros.