
O dianteiro cesureño declinou a oferta de renovación do club
18 jun 2025 . Actualizado á 17:22 h.Primeiro contratempo no proxecto co que a directiva, a dirección técnica e o novo adestrador do Arousa, Gonzalo Fernández, pretenden devolver o conxunto vilagarcián á Segunda RFEF. Álex Compa decidiu desestimar a oferta de renovación do club arlequinado na procura de novos retos, informou na tarde deste mércores a entidade. Unha decisión do punta de Pontecesures que deixa o equipo sen o seu pichichi e segundo máximo goleador do grupo galego da Tercera RFEF a pasada Liga, con 16 tantos nos 30 partidos que puido disputar, cinco deles de penalti.
A perda de Álex Compa priva o Arousa non só dun home-gol, senón dun auténtico killer da área, capaz de volver tola e de absorber a atención da defensa rival. Un dos poucos futbolistas do vestiario da Lomba que se amosou esta última campaña á altura do reto dun ascenso que nin se rozou.
O anuncio chegou tan só catro horas despois da presentación da segunda fichaxe da era Gonzalo Fernández no Arousa: Édgar Jesús Redondo Cabado (Lugo, 1997). Un central zurdo formado na canteira do CD Lugo, que na súa etapa sénior militou no filial da cidade da muralla, o Polvorín, no Residencia, na Sarriana, no Arzúa, no Viveiro e, nas dúas últimas tempadas, na Sarriana e no Racing Vilalbés, xogando con ambos os dous as últimas dúas promocións á Segunda RFEF.
Édgar decidiuse polo Arousa «porque me parece un proxecto ambicioso e agardo que sexa para ascender», explicou. Un reto para o que, di, o Arousa precisa «a unión de todos, equipo e afección».