Cantareiras e dornas para o Día das Letras arousán

m. alfonso / l. castro VILAGARCÍA, O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Música, ofrendas florais, maxia, teatro, libros e ata embarcacións tradicionais serviron para festexar o 17 de maio

18 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non terán queixa os veciños da comarca do Salnés. Porque os concellos encheron o sábado festivo con multitude de actividades aptas para todos os gustos. Co gallo do Día das Letras deseñaron unha oferta tan ampla que incluía dende as tradicionais ofrendas florais e actividades culturais de todo tipo ata unha volta en dorna pola ría de Arousa. Todo co único fin de homenaxear ás cantareiras galegas, que tamén tiveron o seu particular protagonismo nunha xornada na que a lingua e a cultura galega estiveron moi presentes.

Como manda a tradición, Carril acolleu as celebracións do concello de Vilagarcía. Os actos comezaron ás once da mañá cun pasarrúas a cargo de Malveiras, ao que seguiu unha sesión de baile. Ás 12.30 o alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, protagonizaron a tradicional ofrenda floral a Rosalía de Castro, que estivo acompañada dunha actuación das Cantareiras Bulideiras de Fontecarmoa.

En Cambados, en cambio, foi a música da banda de Castrelo a grande protagonista da xornada. A agrupación deu o seu tradicional concerto en Torrado, mentres que a praza de Fefiñáns acollía unha vistosa exposición de embarcacións tradicionais, que aínda poderá visitarse durante a xornada de hoxe. Pola tarde, Con de Xido puxo a música e o baile no Salón Peña con seu tradicional festival das letras.

O Grove, pola súa banda, celebrou as Letras Galegas en distintos recunchos da localidade. Pola mañá, as librarías Espazo Lector Nobel e Edigroves sacaron os libros en galego á rúa cun dez por cento de desconto como incentivo á compra. A rúa Alcalde Xacobe Otero Barral acolleu o espectáculo Historias de Bemol Pequeño, e na rúa Luís Casais, os propietarios de Edigroves ofertaron un taller de sanadresiños para os cativos que obtivo un grande éxito. Tamén en outros sitios coma O Quinteiro de Temperán viviron a xornada con foliada e cantareiras da man da asociación Paradanda e os irmáns do Quinteiro. E xa pola tarde, a asociación cultural Cantodorxo encheu a Praza do Corgo de música e baile tradicional na súa xa tradicional Festa das Letras.

Na Illa foron fieis a súa cita coas embarcacións tradicionais, que se botaron ao mar tras a lectura do pregón. E continuaron toda a tarde con música, agasallos e un espectáculo de circo. En Ribadumia, pola súa banda, celebraron unha gala para recoñecer a labor dos seus veciños en prol do galego e en Meaño tamén desfrutaron dun mediodía cheo de música tradicional galega. En Meis, a Romaría das Letras Galegas tivo lugar na Finca de Parga, onde os veciños puideron pasar o día, e en Vilanova houbo un espectáculo de maxia. Por último, en Pontecesures seis bares serviron, durante toda a fin de semana, as tapas das Letras Galegas.

Un vídeo que amosa a microtoponimia do mar da Illa

A Deputación de Pontevedra aproveitou o Día das Letras para presentar unha nova edición do proxecto audiovisual «Os nomes da nosa terra», que convida á cidadanía a rexistrar e transmitir os topónimos tradicionais da provincia. Esta nova entrega está formada por catro pezas audiovisuais, nas que unha delas está dedicada a talasonimia, os nomes do mar, da Illa de Arousa e do litoral de Baiona. Este proxecto, no que ten participado estreitamente o presidente provincial, Luis López, busca fomentar o uso da lingua galega desde a raíz do territorio, animando a veciñanza a participar na recuperación destes nomes únicos.