
A comarca énchese de actividade e entusiasmo a conta do 17 de maio. O prato forte servirase hoxe, pero onte xa houbo unha ampla oferta cultural
17 may 2025 . Actualizado a las 18:54 h.O ambiente xa se empezou a quentar na véspera do 17 de maio na comarca. Con motivo do Día das Letras Galegas, agárdase unha fin de semana cargada de propostas culturais que converterán o territorio nun fervedoiro de actividade artística e reivindicación da lingua.
A Real Academia Galega elixiu este ano render homenaxe á tradición oral e musical de Galicia, destacando o papel fundamental das cantareiras na transmisión da poesía popular galega. É o caso de Eva Castiñeira, Adolfina e Rosa Casás e as Pandereteiras de Mens —Prudencia e Asunción Garrido, Teresa García Prieto e Manuela Lema—, todas elas mulleres lábregas e xornaleiras que mantiveron viva a lingua e a cultura galega.
As cantareiras tamén estiveron presentes onte en Vilagarcía no festival escolar das Letras Galegas no que participaron o alumando do CEIP A Lomba, o Centro de Educación Especial, o IES Armando Cotarelo e O Carril. As avoas andaban nerviosa mentres voaban bicos dende o escenario directos ás butacas, onde mamás e papás esperaban para desfrutar dunha festa cargada de música, baile e teatro.
Camisas brancas, mandiles e saias paseábanse polo auditorio nun encontro moi especial para conmemorar o labor das cantareiras na preserva da nosa cultura popular. Foron 150 alumnos con idades comprendidas entre infantil e o ciclo da ESO os que participaron nas diferentes actuacións. Comezaron os máis cativos do CEIP Anexo a Lomba, que bailaron unha adaptación de Greased Lightning de John Travolta, baixo o título de Muxía e Roll de Uxía e A Banda Molona. Os maiores do Anexo interpretaron O enterro de Xacobe, un teatriño cantado con ataúde e cura engadido (ademais dunha misa de consagración).
Propostas tan interesantes coma a do Centro Especial de Educación, que xunto con outros 20 centros repartidos en 12 concellos diferentes, recompilaron unha serie de cantigas orixinais baixo o nome de As Nosas Cantigas. A través de pictogramas recitaron cantigas adaptadas ás necesidades dos alumnos con símbolos sinxelos e universais que permiten transmitir mensaxes claras sen depender da linguaxe escrita, o que beneficia a persoas con dificultades de comprensión.

En Cambados os colexios tamén protagonizaron onte unha axenda na que houbo ofrenda floral e outras actividades ao mesmo tempo que se anunciou o premio Cabanillas 2025, que recae en Xosé Manuel Millán Otero.
En O Grove a atención estaba posta na actuación das pandeireteiras de Cinco en Zocas e a sua charla-concerto Cantareiras: a poesía popular dende a tradición á vangarda no que se analiza a palabra cantada e a evolución da música tradicional galega.