Cambados, Meaño e Meis xestionarán os seus biorresiduos de xeito gratuito

PALOMA GONZÁLEZ VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O servizo contará cunha subvención de 95.695 euros a través da Mancomunidade do Salnés e dos fondos europeos

15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mancomunidade do Salnés, a través do servizo Mestre Composteiro, vén de conseguir unha subvención de 95.695 euros para mellorar a xestión de residuos. Repartiranse 705 composteiros a domicilios e pequenos establecementos de hostalaría de Cambados, Meaño e Meis. O programa está cofinanciado polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGerenationEU a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a Xunta de Galicia.

O obxectivo é xestionar os residuos orgánicos mediante a compostaxe, facilitando o cumprimento da lexislación que prohibe depositar os biorresiduos no contedor xenérico ou resto.

O Concello de Cambados repartirá un total de 360 composteiros domésticos, fronte aos 672 repartidos ata agora, ademais da construción de dous centros de compostaxe comunitaria. Hai nove centros xa en funcionamento.

En Meaño, repartiranse 182, alcanzando ao 38 % da poboación. 163 novos composteiros a repartir en Meis para chegar a un 35 % das vivendas con composteira.

Coa súa implantación total, a poboación no Salnés poderá abaratar un servizo deficitario que supón un dos gastos máis importantes dos municipios.

Esta proposta mellora o impacto ambiental e o custe económico dos residuos, reducindo a cero o desprazamento dos mesmos. Diminúe a cantidade de lixo que termina nos vertedoiros, favorece o crecemento das plantas, e mellora a actividade biolóxica do terreo, entre outros.

Para ter un composteiro é preciso ter vivenda e dispor dun terreo onde poñelo en calquera dos tres concellos. As entregas dos mesmos faranse a través do Servizo de Compostaxe da Mancomunidade do Salnés, con entregas a domicilio, ou mediante charlas explicativas repartidas polas distintas parroquias.

Mentres tanto, continúase co préstamo de biotrituradoras nos tres concellos, que permiten converter as polas procedentes das podas para evitar queimas ou depósitos prohibidos en contedores.